Preto de 12.000 gandeiros recibiron máis de 11,5 M€ en axudas xestionadas pola Xunta para compensar as dificultades económicas da invasión rusa de Ucraína no sector gandeiro de carne

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria, dependente da Consellería do Medio Rural, coas persoas beneficiarias destas axudas
 

Así, por sectores, foron beneficiarias 10.630 explotacións gandeiras de vacún de carne, 631 de ovino-cabrún, 490 de aves e 103 de coellos

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2022 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), dependente da Consellería do Medio Rural, cos beneficiarios das axudas excepcionais a determinadas explotacións gandeiras para compensar as dificultades económicas derivadas da invasión rusa de Ucraína. O orzamento destas achegas é de máis de 11,5 millóns de euros, dos cales 7,7 están financiados polo Estado e os 3,8 restantes pola Unión Europea mediante o Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria, que se repartiu entre os 11.854 beneficiarios.

 

Así, por sectores, resultaron beneficiarias desta axudas 10.630 persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras de vacún de carne, 631 de ovino-cabrún, 490 de aves e 103 de coellos. Para poder acceder a estas achegas, os beneficiarios cumpriron cos requisitos establecidos a nivel nacional no Real Decreto 428/2022, do 7 de xuño, polo que se establecen as bases reguladoras destas axudas excepcionais. Ademais, os solicitantes debían estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

 

Todos os beneficiarios recibiron un pagamento único por animal, no caso das explotacións de vacún, ovino e cabrún, e un pagamento único segundo a capacidade da explotación, no caso de aves e coellos. Así, os límites financiables por persoa beneficiaria foron de 125 vacas nutrices en explotacións de vacún, 520 xatos de ceba en cebadeiros vacúns e de ata 800 ovellas ou cabras, mentres que nos de aves e coellos houbo un mínimo de 251 e 50 prazas, respectivamente. As contías unitarias máximas foron de 60 euros por vaca nutriz, 12 por tenreiro e cinco por unha ovella ou cabra.

 
Enlace á resolución no DOG:

Imaxes relacionadas