O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe esta entidade

A Xunta impulsa un programa de atención socio familiar en colaboración coa Asociación Por Eles Tea Ourense

Destina un investimento de 15.000 euros a esta iniciativa que procura axudar ás familias na atención das persoas con trastorno do espectro autista

 

Ourense, 18 de outubro de 2022.-

A Xunta impulsou un programa de atención socio familiar en colaboración coa Asociación Por Eles Tea Ourense que procura axudar ás familias na atención das persoas con espectro autista. O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe as instalacións desta entidade.

 

O director xeral sinalou que o apoio especializado e profesional desta asociación resulta fundamental para ofrecer unha mellor atención ás persoas con espectro autista e ás súas familias. Esta iniciativa conta cun investimento por parte do Goberno galego de 15.000 euros e axudará a esta entidade a ofrecer apoio ás familias que acoden diariamente ás súas instalación en busca de asesoramento.

 

Así mesmo, Abeijón lembrou que o Goberno galego colabora co tecido social galego a través doutras iniciativas como a orde de axudas para a construción ou rehabilitación de centros de atención a maiores ou persoas con discapacidade dotada con 13 millóns de euros. A través deste apoio a Xunta trata de amosar a súa confianza nun tecido asociativo que ten demostrado ser o que mellor coñece as necesidades das persoas con discapacidade e das súas familias.

Imaxes relacionadas