18.000 escolares da provincia de Pontevedra participarán este curso nas competicións deportivas do programa Xogade da Xunta

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentou o calendario do deporte escolar na estrea das probas co Campionato Zonal de Campo a Través para Pontevedra, Poio e Marín na Illa das Esculturas

O programa, que se recupera tras dúas edicións suspendidas por mor da pandemia, celebrará as carreiras de cross na capital, A Estrada, Ponte Caldelas, Portas, Sanxenxo, Silleda, Marín e Ponteareas ata as finais provinciais de Portas e Vigo

O Campo a Través, que arrancou con 1.600 escolares de Pontevedra e a contorna, desenvolverase ata febreiro coa final autonómica na Coruña e as probas das demais modalidades deportivas prolongaranse ata o mes de xuño

“A Xunta aposta polo deporte en todos os eidos, dende os deportistas e clubes de alto nivel ata a base, a canteira e as iniciativas escolares co obxectivo de estender a práctica e os hábitos saudables dende idades temperás”, explicou Luis López

Pontevedra, 18 de outubro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, vai reunir este ano a 18.000 escolares da provincia de Pontevedra nas competicións deportivas do programa Xogade, o que supón un incremento de case o 30% -4.000 participantes máis- con respecto á derradeira edición, celebrada no curso 2019-2020 xusto antes da chegada da pandemia da covid-19.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo responsable provincial de Deportes, Daniel Benavides, presentou hoxe o calendario do deporte escolar galego co gallo da estrea das probas co Campionato Zonal de Campo a Través para Pontevedra, Poio e Marín, que se celebrou esta mañá na Illa das Esculturas.

 

“A Xunta de Galicia aposta de xeito decidido, con fortes investimentos e moitas iniciativas, polo deporte en todos os eidos, dende os deportistas de alto nivel, que tantas alegrías nos dan nos Xogos Olímpicos e lideran a Selección Española, ata os clubes máis importantes de todos os deportes, a canteira e a base e, por suposto, o deporte escolar, que ten neste programa Xogade a súa actividade máis vistosa e transversal”, explicou o representante autonómico.

 

Luis López indicou que a colaboración coas federacións, os centros educativos, as Anpas, os clubes, as escolas deportivas municipais e as agrupacións deportivas “permiten desenvolver unha das melloras iniciativas de deporte escolar de España, coa que pretendemos fomentar e estender o deporte, a mellora da condición física e os hábitos saudables dende idades temperás”.

 

O programa, que se recupera neste curso 2022-2023 tras dúas edicións suspendidas por mor da pandemia, comezou hoxe coa primeira das dúas probas zonais de cross para Pontevedra -a outra terá lugar o 6 de novembro-, nas que participan uns 1.600 nenos de 7 a 15 anos procedentes de 16 centros educativos. A competición está organizada polo Servizo Provincial de Deportes e a Agrupación Deportiva Escolar Deporte Base de Pontevedra.

 

Xa na vindeira semana tamén se celebrarán as probas zonais da Estrada, que reunirá a 1.200 rapaces de once centros educativos da Estrada, Moraña e Cuntis, e de Ponte Caldelas, que congregará a 700 cativos de once centros de Ponte Caldelas, Forcarei, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Fornelos de Montes e Campo Lameiro.

 

Posteriormente, estes campionatos de cross celebraranse na Azucreira de Portas (25 de outubro), a praia de Montalvo (26 de outubro), o recinto feiral de Silleda (27 de outubro), o parque de suboficiais de Marín (3 de novembro) e o centro Guláns de Ponteareas (17 de novembro) para dar paso ás finais provinciais de Portas (17 de xaneiro) e Vigo (12 de febreiro) ata o autonómico da Coruña (25 de febreiro). Tras estas probas, as máis visuais e con maior participación do programa Xogade, continuarase co resto de competicións das demais modalidades deportivas ata o mes de xuño.

Imaxes relacionadas