A Xunta organiza en Trazo e Curtis dous cursos sobre competencias empresarias nas explotacións gandeiras

A formación de Trazo ten previsto comezar o vindeiro martes 25 de outubro, mentres que a de Curtis empezaría o mércores 26 de outubro

Ambas desenvolveranse ao longo de 6 días en horario de mañá e terán unha duración total de 30 horas

Entre outras materias, o programa dos cursos incorpora formación sobre a aplicación informática Conta Láctea, creada pola Consellería do Medio Rural para mellorar a xestión empresarial das explotacións, así como para facilitar o cálculo dos custos aos gandeiros

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2022

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar dous cursos en Trazo e Curtis sobre competencias empresariais nas explotacións gandeiras. A formación de Trazo ten previsto comezar o vindeiro martes 25 de outubro e se celebrará no Centro Social Polivalente de Trazo. O taller de Curtis, pola súa banda, comezaría o mércores 26 de outubro no Centro Etnográfico Río Mandeo. Ambos cursos desenvolveranse ao longo de 6 días en horario de 9,30 a 14,30 horas e terán unha duración total de 30 horas.

O eixo central desta formación é dotar aos empresarios gandeiros dunha visión máis ampla do potencial sobre a súa actividade gandeira co fin de procurar un maior valor engadido e innovación nas súas actividades. Para iso, achegaranse coñecementos sobre ferramentas relacionadas especialmente co ámbito do control e a xestión dos custos que contribúan á mellora da eficiencia das explotacións. Así, darase formación relacionada coa aplicación informática Conta Láctea, creada pola Xunta para mellorar a xestión profesionalizada das explotacións, así como para facilitar aos gandeiros o cálculo dos seus custos de produción e, consecuentemente, do prezo de venda do seu leite. O obxectivo último é mellorar a posición negociadora dos gandeiros en relación cos prezos dos seus produtos.

Esta iniciativa formativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 609 832 862, ou enviarse un correo a atorres@epseaga.com.