O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, inaugurou hoxe este congreso en Santiago de Compostela

Galicia acolle as xornadas de intercambio de expertos forestais que buscan fomentar a converxencia de dispositivos e mellorar a xestión deste tipo de emerxencias

Este foro prolongarase ata o vindeiro xoves 20 de outubro e nel participan unha trintena de expertos en materia de prevención e extinción de incendios procedentes de varias comunidades autónomas

Búscase establecer protocolos comúns para as unidades de análise e mellorar a coordinación interadministrativa en situacións de simultaneidade, onde os recursos estatais son compartidos polas comunidades autónomas

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2022

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, inaugurou este mediodía en Santiago de Compostela a terceira edición das xornadas de intercambio de expertos, enmarcadas dentro do Programa Nacional de Preparación en Incendios Forestais que organiza o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, en colaboración coa Consellería do Medio Rural.

 

Así, estas xornadas prolongaranse ata o vindeiro xoves 20 de outubro e nelas participan unha trintena de expertos en materia de prevención e extinción de incendios procedentes de varias comunidades autónomas. O obxectivo principal é fomentar a converxencia dos distintos dispositivos de loita contra lumes, compartindo experiencias e coñecementos que incrementen a seguridade do persoal que executa operacións de extinción.

 

Ademais, búscase mellorar a axilidade no envío de recursos nacionais ás comunidades autónomas e traballar na posibilidade de xerar unha base para o desenvolvemento de equipos nacionais de xestión de emerxencias por incendios forestais, integrados por expertos de distintas administracións, e que poidan desprazarse alí onde sexan requiridos.

 

Durante estes catro días de intercambios, tamén se buscará establecer protocolos comúns para as unidades de análise e mellorar a coordinación interadministrativa en situacións de simultaneidade, onde os recursos estatais son compartidos polas comunidades autónomas.

 

Por último, os expertos participantes realizarán unha visita ao Centro de Coordinación Central de defensa contra os incendios forestais de Santiago, onde se fará unha breve explicación das novas tecnoloxías empregadas nas tarefas de extinción de incendios, tales como o emprego do Xeocode e o Xeocode Lite. Un sistema de información xeográfico que posibilita a xestión de alarmas, incendios, medios e persoal on line a nivel de distrito, provincial e central.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural