Luis López destaca o “papel motor” da Xunta, as empresas e os autónomos para reducir o paro en Lalín e o Deza na estrea do obradoiro de emprego 'Sendas II'

O delegado territorial, acompañado do alcalde, José Crespo, presidíu o acto de inauguración desta iniciativa, que formará a vinte persoas desempregadas cun investimento de 504.000€ da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

Este obradoiro, cuxo formato dual estenderase nesta ocasión ata os doce meses tras aumentar a carga lectiva nun 33%, arrancou na Aula da Uned e distribuirase nos módulos de Repoboacións Forestais e Silvícolas e Operacións de Albanelería

“O emprego é un dos grandes eixos da acción da Xunta e por iso seguimos apostando por este modelo formativo de mellora da empregabilidade, no que investiremos 1 M€ nos dous obradoiros para catro concellos dezaos”, explicou Luis López

O representante autonómico salientou que o desemprego baixou en máis dun 15% na capital dezá e na bisbarra nesta lexislatura autonómica “grazas á valentía dos que contratan e ás moitas accións formativas e de inserción da Xunta”

Lalín, 17 de outubro de 2022

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou hoxe, con motivo da estrea do obradoiro de emprego Sendas II do Concello de Lalín, o “papel motor” do Goberno galego, das empresas e dos autónomos para reducir o paro na capital dezá e no resto da bisbarra.

 

Ao respecto, o representante autonómico detallou que o desemprego diminuíu en 187 persoas no Concello de Lalín dende o comezo da presente lexislatura autonómica en xullo de 2020, o que supón unha rebaixa dun 16% ata situarse por debaixo do milleiro de persoas, en concreto 972. Mentres que no resto da comarca, o descenso do paro cífrase en máis de 300 persoas neste mesmo período ata as 1.653 persoas rexistradas o pasado mes de setembro.

 

“A valentía e o emprendemento dos empresarios e autónomos dezaos que contratan son clave para a redución do desemprego nesta bisbarra, pero tamén vén acompañada dun labor moi importante da Xunta con moitas e acaídas accións formativas e de inserción nesta zona, como os constantes obradoiros de emprego, os Programas Integrados de Emprego que xestiona a Asociación de Empresarios de Deza ou os cursos AFD de formación para desempregados”, concretou Luis López.

 

O delegado territorial cifrou esta “boa evolución” do mercado laboral, acompañado do alcalde de Lalín, José Crespo, doutros representantes municipais e do persoal directivo e docente do obradoiro, no acto de inauguración desta iniciativa laboral na Aula da Uned do Polígono Lalín 2000. Este obradoiro mellorará a empregabilidade de vinte persoas desempregadas a través da formación grazas a un investimento de 504.000 euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

 

“O emprego é un dos grandes eixos da acción de goberno da Xunta e por iso seguimos apostando por este modelo formativo, que outorga coñecementos e experiencia aos participantes e favorece a súa inserción laboral en sectores con moita saída en Lalín e a súa comarca”, tamén explicou o representante autonómico, que lembrou que a Xunta “está a arrancar unha nova quenda, na que investiremos máis de 1 millón de euros na comarca para formar a 40 persoas desempregadas de Lalín, Rodeiro, Agolada e Dozón a través de dous obradoiros”. En total, na provincia de Pontevedra haberá 23 iniciativas laborais destas características cun orzamento de 11,2 millóns de euros e 446 participantes.

 

O obradoiro de emprego Sendas IIcontará cos módulos de Repoboacións Forestais e Tratamentos Silvícolas e Operacións Auxiliares de Albanelería de Fábricas e Cubertas. A formación prolongarase durante doce meses –tres meses máis que o ano pasado xa que o formato incrementou de xeito xeralizado a súa carga lectiva nun 33% para toda Galicia– e, ademais das ensinanzas teórico-prácticas, ofertarase a posibilidade de realizar prácticas en empresas da contorna ao seu remate grazas ao seu formato dual.

 

Luis López agradeceu aos participantes “a súa implicación e gañas de aprender un oficio mellorando os seus coñecementos para outorgarse máis oportunidades no mercado” e amosouse convencido de que “aproveitarán este ano completo ao máximo para adquirir coñecementos que poden ser fundamentais para o seu futuro profesional”. Neste senso, insistiu no “compromiso” da Xunta coa creación de emprego e a xeración de riqueza na comarca do Deza, “algo que demostramos con feitos, tal e como se confirma co recunque destes dous obradoiros, a potente oferta de FP ou os vindeiros cursos de formación para desempregados”.

 

“Damos cumprida resposta ao que pide a cidadanía e ofertamos un programa de formación moderno, dual, orientado a xente sen traballo para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais van recibir unha remuneración durante doce meses e que contribuirán ao beneficio de todas e todos coa mellora e mantemento do emblemático paseo do Pontiñas”, concluíu.

Imaxes relacionadas