A Xunta salienta a contribución á lingua e á literatura galega do Premio de Novela Galicia Rural 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participa na presentación de ‘A agonía das folerpas’, de Óscar Reboiras, vencedora da segunda edición deste certame que ten como obxectivo promover a visibilidade do mundo rural galego

Está convocado polo Concello de San Xoán de Río co apoio e patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Editorial Galaxia
 

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2022.-

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación da novela A agonía das Folerpas, de Óscar Reboiras, gañadora do Premio de Novela Galicia Rural 2022 convocado polo Concello de San Xoán de Río co apoio da Xunta e a colaboración da Editorial Galaxia.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades lembrou que este premio quere poñer en valor “o rural e o orgullo de pertencer a el, algo importante para a Secretaría Xeral de Política Lingüística, porque coa visibilización e a valoración do rural visibilízase e dáselle valor á lingua galega”. Canda Valentín García tamén participaron nesta presentación, que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, José Miguel Pérez Blecua, alcalde de San Xoán de Río; Francisco Castro, director da Editorial Galaxia, e Óscar Reboiras, autor da novela.

 

O certame, que vai pola súa segunda edición, ten o obxectivo de promover a visibilidade do mundo rural galego e reflexionar sobre as súas problemáticas, posibilidades e retos presentes e futuros a través da creación literaria. Ademais, está dirixido tanto a autores e autoras xa consagrados como a novos talentos da nosa literatura aínda por descubrir.

 

Un misterio ambientado no Xurés

A agonía das folerpas é unha novela de intriga que nos sitúa na aldea de Salgueiro, no Parque Natural do Xurés, un lugar abandonado desde hai décadas que se converte no lugar idóneo para descansar. Ou para que un asasino en serie enterre as súas vítimas. Coa chegada dunha xornalista noviña ao lugar, o que comeza como un achado arqueolóxico muda nun suceso que revoluciona a actualidade informativa.

 

Óscar Reboiras Loureiro (Rianxo, 1979) estudou Xornalismo en Santiago de Compostela e dedícase ao mundo do márketing dixital. Tras o seu paso por un taller de escritura, do que sae o libro colectivo Liñas compartidas (2019), chega a súa primeira novela, A agonía das folerpas, gañadora do II Premio de Novela Galicia Rural . Tamén gañou o Certame de Microrrelatos de Vilalba (2022), o 3º premio de narrativa do Certame Literario de Ames (2021 e 202) e o certame literario “Contos arrepiantes para tremer ao carón da lareira” (2020).

Imaxes relacionadas