A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentaron a primeira peza do novo Hospital Público da Coruña

A Xunta somete a información pública o proxecto da torre polivalente do Novo CHUAC, que se comezará a construír o vindeiro ano cun orzamento de 35,9 M€

Os Orzamentos autonómicos para 2023 recollerán 28,5 M€ para iniciar obras, avanzar nas expropiacións e dotar de equipamento o Novo CHUAC

A torre polivalente será o centro desde o que se administre o complexo hospitalario e funcionará como nexo entre as novas edificacións e o hospital actual a través dunha pasarela elevada

Ocupará 4.500 m² en planta rectangular e terá 13.700 m² de superficie construída, que se distribuirán en 16 andares, 3 deles baixo rasante

A Xunta destinará máis de 500 M€ ao Novo CHUAC para dotar a área da Coruña dun hospital de vangarda, facendo un grande esforzo que se verá incrementado aínda máis ao asumir a Xunta o incremento do prezo das expropiacións e dos accesos que debería financiar o Concello
 

A Coruña, 17 de outubro de 2022 A Xunta somete desde hoxe a información pública o proxecto da Torre Polivalente do Novo CHUAC, que se comezará a construír o vindeiro ano cun orzamento de 35,9 M€. 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o xerente da área sanitaria, Luis Verde, presentaron hoxe este novo paso para facer realidade a que será unha das primeiras obras visibles do Novo CHUAC, a Torre Polivalente, que se adiantará ao resto do edificio hospitalario. 

Esta primeira peza do Novo Hospital Público da Coruña situarase na parcela sen edificar que está situada ao carón do actual complexo hospitalario, desde o que se administrará todo o hospital e servirá de nexo entre as novas edificacións e o hospital actual, a través dunha pasarela elevada que o conectará co bloque oeste existente.  

O trámite de información pública a efectos expropiatorios da parcela de 119 m² do aparcadoiro privado existente nas inmediacións é necesaria para executar a Torre Polivalente, que albergará a administración, as áreas de xestión sanitaria, os laboratorios e o Hotel de doentes, con 14 habitacións. Os interesados teñen de prazo agora para trasladar as súas achegas e suxestións ata o vindeiro 15 de novembro. 

O proxecto de Orzamentos que a Xunta aprobará esta semana consignarán 28,5 millóns de euros nas contas da Consellería de Sanidade para o expropiacións, obras e equipamentos do Novo CHUAC, un orzamento suficiente para o avance das obras da Torre Polivalente, coa anualidade necesaria para executar o programa de traballo previsto.  

Ethel Vázquez subliñou o que a redacción do proxecto da Torre Polivalente se adiantou ao resto de espazos do Novo CHUAC e as obras terán un prazo de execución de 12 meses. Lembrou que o anel viario que circundará o novo hospital, permitindo os múltiples accesos e conectar coa trama de rúas locais que converxen no hospital, obriga a demoler o actual hotel de doentes, cuxo proxecto está tamén redactándose, e resulta necesario dispoñer un novo espazo para albergar os seus usos. 

A conselleira concretou que a execución desta Torre Polivalente, que se constrúe ao abeiro PXOM da Coruña, sobre terreos dotacionais públicos, ocupará 4.500 m² en planta rectangular e albergará 13.700 m² de superficie construída, que se distribuirán en 16 andares, 3 deles baixo rasante.  

Será a primeira peza do Novo CHUAC disporá de 2 accesos para garantir unha mellor funcionalidade: unha entrada para os usuarios do hotel de doentes e persoal administrativo, cunha zona cuberta que conformará un gran soportal de acceso; e outra entrada para persoal sanitario, en cuxo exterior se disporá unha praza de uso público e zonas verdes.  

A titular de Infraestruturas explicou que a execución da Torre Polivalente seguirá un sistema construtivo que se poida adaptar ás novas necesidades e cambios organizativos; seguindo criterios de eficiencia enerxética, desde o punto de vista térmico, de iluminación e da xestión da auga, primando o baixo consumo con dispositivos de aforro; empregando materiais de proximidade e reciclables; e buscando tamén a máxima funcionalidade. 

Segundo detallou Ethel Vázquez, a Xunta está a avanzar así na primeira peza dun gran proxecto que é “un puzzle a nivel construtivo e un sudoku a nivel administrativo”.  

500 M€ para blindar a atención sanitaria da área da Coruña

O Novo CHUAC é un proxecto estratéxico e prioritario para o Goberno galego xa en marcha e no que está a traballar, conxuntamente, as Consellerías de Sanidade e de Infraestruturas, ao que se destinarán máis de 500 M€ para blindar a atención sanitaria da área da Coruña nas vindeiras décadas. 

Ethel Vázquez explicou que as obras da Fase 0, agora mesmo en plena execución, avanzan para estar rematadas neste ano cun investimento da Xunta de 13 M€. Isto supón a creación dun novo Hospital de Día, incrementar o número de camas grazas á creación dunha nova planta de hospitalización; ampliar os servizos de urxencia e tamén o número de camas para coidados intensivos. 

Simultaneamente á execución destas obras, a Xunta traballa nos documentos urbanísticos e nos proxectos de obra necesarios para a construción do Novo CHUAC. Neste momento, tramítase o novo hospital, a efectos urbanísticos, como proxecto de interese autonómico: a mediados de xullo iniciouse a tramitación ambiental, someténdoo a información pública para a súa avaliación ambiental estratéxica.  

A conselleira de Infraestruturas incidiu no deseño dos accesos para garantir ao máximo a integración e a funcionalidade, co menor impacto visual e integrados na trama urbana da cidade.  

Subliñou a meticulosidade da Xunta no seu deseño, para que o Novo CHUAC conte cuns accesos axeitados, avaliando ata 20 alternativas e decidindo, finalmente, asumir a titularidade da AC-12, de 3 km da avenida da Pasaxe, entre a intersección coa avenida de Oza e o enlace coa AC-11 na Ponte Pasaxe.  

Ethel Vázquez puxo o acento no especial esforzo que está a facer a Xunta por dotar a área da Coruña dun hospital de vangarda, facendo un grande esforzo que se verá incrementado aínda máis ao asumir o Goberno galego tamén o incremento do prezo das expropiacións e dos accesos que debería asumir o Concello, para que o hospital conte cuns accesos acordes e axeitados a este gran equipamento sanitario.  

Tal e como avanzou Ethel Vázquez, a previsión da Xunta é que o proxecto íntegro do Novo CHUAC e a utilidade pública dos terreos poida estar aprobado definitivamente nos primeiros meses de 2023. 

Gran salto adiante na atención aos pacientes a na dotación tecnolóxica

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade incidiu nos Orzamentos de 2023, fondos cos que se poderán acometer as expropiacións necesarias, iniciar a obra da Torre Polivalente do novo, e seguir dotando de equipamento ás areas que van a ir entrando en funcionamento na Fase 0. 

De feito, segundo detallou, este verán adxudicouse equipamento por 1,4 M€ para a nova farmacia hospitalaria ou para amoblar as novas habitacións de hospitalización e de críticos. Tamén se está a piques de adxudicar un contrato de 600.000 euros para 29 novos respiradores destinados a estes novos espazos, e licitouse o mes pasado un contrato de ecógrafos por valor de 1 M€ para a novas áreas de UCI, REA e Hospital de Día, así como aos gabinetes de cardioloxía. 

Julio García Comesaña resaltou o traballo que segue a realizar o Goberno galego planificando a construción deste novo hospital e planificando o seu equipamento e funcionalidades sanitarias. A este respecto, incidiu que este Novo CHUAC vai permitir un gran salto adiante na atención aos pacientes. Un salto moi visible que sucede a outro algo máis silencioso que se foi producindo nos últimos anos na dotación tecnolóxica desta área, remarcou. 

Lembrou que no ano 2017 comezou a funcionar o primeiro PET-TAC da área sanitaria da Coruña no Centro Oncolóxico, que formaba parte dun contrato do SERGAS que foi financiado a través dun convenio coa Fundación Amancio Ortega e que que permitiu poñer en funcionamento nestes anos equipos valorados en case 9 millóns de euros, como o PET. Tamén citou os dous novos aceleradores lineais, dúas novas resonancias magnéticas, e dous novos equipos TAC. 

O conselleiro adiantou que estes meses estanse a pechar os trámites dos contratos que permitiron á Xunta utilizar os fondos europeos Next Generation para cometer unha nova renovación de equipos.  Desta vez foi un investimento de 8 M€ para renovar: as salas de hemodinámica, neurorradioloxía ou radioloxía vascular intervencionista, unha nova resonancia magnética ou 4 equipos TAC, entre os que se inclúe un con tecnoloxía espectral. 

A estes grandes procesos de renovación e modernización dos equipos de alta tecnoloxía, engadiu a incorporación o hospital de dúas tecnoloxías totalmente novas nos últimos anos. No 2017 dotouse do seu primeiro quirófano híbrido, que pouco despois, se complementou cun neuronavegador. Isto supuxo un investimento de 1,6 M€ e un inmenso beneficio para os profesionais e os pacientes, dixo. 

Destacou, tamén, a introdución o ano pasado do primeiro robot cirúrxico, un investimento de 3 M€ que, segundo dixo, o hospital está amortizando especialmente, cuns índices de actividade altísimos que benefician a centos de pacientes de uroloxía, xinecoloxía, cirurxía xeral e dixestiva, cirurxía torácica ou otorrinolaringoloxía.

Imaxes relacionadas