A Xunta aumenta o Fondo de Cooperación Local adicional un 135% ata case 30,5 M€

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e mais o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, mantiveron hoxe un encontro con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2022 A Xunta aumentará nun 135% o Fondo de Cooperación Local (FCL) adicional ao pasar de 12,9 a case 30,5M€. Así llo trasladaron hoxe o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, aos representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) no marco da subcomisión permanente do réxime económico e financeiro da Comisión de Cooperación Local.

 

Deste xeito, a cantidade total asignada ao Fondo de Cooperación Local, entre o fondo base e o adicional, ascende a case 143,5M€, un 14% máis que no ano anterior, con 17,4M€ adicionais.

 

Ademais, no encontro de hoxe, no que tamén participaron as directoras xerais de Administración Local, Natalia Prieto, e de Planificación e Orzamentos, Almudena Chacón, informouse de que en 2023 se liquidará o rendemento efectivo do FCL de 2021, cun importe estimado de 5,49 M€.

 

Por outra banda, á cantidade total asignada ao Fondo de Cooperación Local hai que sumar outras liñas de axudas e subvencións das distintas consellerías, así como a dotación correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que en 2023 manterá os 11 M€ de orzamento.

 

Cómpre sinalar que Galicia foi unha comunidade pioneira en establecer un instrumento de financiamento estable das entidades locais, con FCL. Regulado anualmente a través das leis de orzamentos da comunidade, establece un modelo de participación estable das entidades locais nos tributos autonómicos.