O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor visitou a libraría 3 Lápices para informar sobre a apertura de prazos desta nova edición deste programa

Trenor anima aos profesionais a adherirse á campaña do Bono Cultura da Xunta que os clientes poderán empezar a disfrutar a partir do 2 de novembro

Resalta que o obxectivo é “botar unha man” ao sector e aos consumidores neste difícil contexto económico de subida de prezos
 

Os establecementos poden inscribirse xa a través da web bonocultural.gal e, entre outros requisitos, deberán estar dados de alta nos grupos e epígrafes do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) indicados nas bases da convocatoria
 

Poranse en circulación 20.000 bonos para dar así continuidade ao programa de descontos do 50% en compras ou na utilización de servizos culturais
 

A iniciativa, que conta cun orzamento de 1M€, facilitará a participación do maior número de entidades posible, mellorando algúns requisitos e ampliando o teito de gasto que poden alcanzar

Ordes (A Coruña), 17 de outubro de 2022 O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a libraría 3 lápices para animar aos profesionais do sector cultural a adherirse á campaña do Bono Cultura da Xunta que os clientes poderán empezar a disfrutar a partir do 2 de novembro ata o 31 de decembro.

 

O programa contempla descontos do 50 % na compra de produtos ou na utilización de servizos culturais, para o que se emitirán 20.000 bonos. O ano pasado a iniciativa conseguiu animar a actividade cultural do outono galego, cun balance final dun total de 68.562 operacións, a mobilización de máis de 2M € ao longo de dous meses en marcha e a participación de 560 negocios culturais adheridos.

 

Nova edición

A nova edición amplía os seus obxectivos buscando, por un lado, incentivar a demanda cultural e dinamizar o consumo así como favorecer o fortalecemento do sector axudándoo a reducir o impacto económico marcado polo actual contexto económico de suba de prezos.

 

 “Se na primeira edición o obxectivo foi volver a reactivar o consumo nos comercios de proximidade tras a pandemia, agora cómpre botar unha man ao sector e os consumidores nesta nova crise de suba de prezos”, indicou Trenor

 

O delegado da Xunta recalcou que este bono é unha medida “para todos os galegos, teñan a idade que teñan fronte ao que fan outras Administracións que lanzan medidas dirixidas a colectivos moi específicos”.

 

Empresas

O Bono Cultura botou a andar este mesmo, sábado 15 de outubro coa apertura do período de adhesión das empresas. As empresas interesadas dispoñen dun mes para inscribirse no programa desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG), o pasado venres.

 

A adhesión activarase nese momento a través da páxina web www.bonocultura.gal. Poderán formar parte as persoas físicas ou xurídicas que teñan como obxecto da súa actividade o de venda ao consumidor de produtos e bens culturais en Galicia, os centros ou locais públicos ou privados destinados á exhibición de produción cultural como salas de cine, teatros e auditorios, salas de concertos, salas de exposicións..., así como museos casas-museo ou asimilados tanto de titularidade pública como privada e asociacións, entidades e fundacións de carácter cultural, tanto públicas como privadas, que ofrezan produtos culturais.

 

Deberán estar dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do imposto sobre actividades económicas (IAE) recollidos na orde da convocatoria que se publicou o venres no DOG. Como novidade, este ano amplíase o número de epígrafes e tamén o teito de gasto que cada establecemento pode ter ao abeiro desta campaña, ata os 30.000 euros.

 

Beneficiarios

A continuación, a partir do 2 de novembro, os usuarios poderán solicitar os bonos e comezar a gozar dos descontos ata o 31 de decembro. Poderá facerse co bono calquera persoa maior de idade que teña a súa residencia en Galicia e a descarga estará activa a partir desa data a través da web www.bonocultura.gal, onde se emitirá en formato dixital a través dun código QR.

 

O orzamento total do Bono Cultura 2022 é de 1M € coa intención de mobilizar 2M € e que se beneficien 20.000 persoas. Os bonos terán un valor de 50 € por usuario para gastar nos distintos establecementos que se adhiran.

 

As compras terán un desconto do 50 % ata esgotar o crédito. Os produtos e servizos que se poderán adquirir non varían con respecto á edición anterior: a compra de música gravada en CD ou vinilo, películas ou series en formato físico, libros ou videoxogos e calquera tipo de institución cultural (museo, casa-museo...), salas de cine, concertos de música e espectáculos escénicos, entre outras.

 

Imaxes relacionadas