A Xunta de Galicia destaca en Sevilla a aposta que se está realizando por impulsar unha minaría sostible

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá na XVIII Reunión Anual do Consello Superior de Colexios de Enxeñeiros de Minas de España con directores xerais de Industria, Enerxía e Minas

Sevilla, 17 de outubro de 2022.- O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, puxo en valor, esta mañá en Sevilla, o traballo que a Xunta de Galicia está realizando por impulsar unha minaría sostible. O director xeral participa na XVIII Reunión Anual do Consello Superior de Colexios de Enxeñeiros de Minas de España con directores xerais de Industria, Enerxía e Minas. 

Fernández Vila explicou que se está ultimando a Axenda de Impulso da Minaría Sostible logo dun profundo traballo de análise que permitiu establecer o diagnóstico para deseñar as medidas necesarias que permitan alcanzar a modernización e crecemento do sector.


A Axenda tamén incidirá no talento humano, a responsabilidade social, así como a integración ambiental, o impulso da economía circular ou a posta en valor do patrimonio mineiro.
 

Na súa intervención, o director xeral tamén destacou a fortaleza do granito e a lousa, así como dos recursos termais en Galicia. Ademais, explicou que os proxectos mineiros tamén se poden beneficiar de figuras como a declaración de proxecto industrial estratéxico, que permite simplificar a tramitación pero mantendo todas as garantías ambientais.