Desde o ano 2018 a Xunta leva investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas da súa competencia, a través da encomenda a Seaga

A Xunta iniciará o luns novos traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas ao paso Meira, Ribeira de Piquín, Ourense ou Salvaterra de Miño

Realizaranse estas intervencións na estrada LU-751, nos municipios de Meira e Ribeira de Piquín; na OU-510, en Ourense; e na autovía AG-51, en Salvaterra de Miño
 

Continuarán os traballos na AC-102, ao seu paso por Cerdido, na provincia da Coruña; e na vía de altas prestacións CG 2.2 ao seu paso polos municipios lucenses do Páramo e Sarria
 

Tamén se seguirá traballando na OU-212 ao seu paso por Beariz, Avión, Leiro, Carballeda de Avia e Beade; na OU-504 no Carballiño, Maside e Leiro; na OU-403 e OU-402 en Ribadavia, Castrelo de Miño e Ourense; e na vía de altas prestacións VG-3.1 en San Cibrao das Viñas
 

Seguirán as tarefas iniciadas en pasadas semanas en distintos tramos das vías da provincia de Pontevedra: AG-46, CG-4.1, VG-4.6 e VG-4.5, en Moaña e Cangas; e na PO-504, na rotonda do Vinquiño, en Sanxenxo
 

Estas novas accións de conservación nas vías da Xunta permitirán, nesta nova encomenda da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a roza mecánica de máis de 2.600 km lineais e actuar nunha superficie de máis de 188.500 metros cadrados de xeito manual
 

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2022

  A Xunta iniciará este luns novos traballos de roza e limpeza nas marxes estradas autonómicas ao paso polas provincias de Lugo, de Ourense e de Pontevedra.


Concretamente, a vindeira semana comezarán estas intervencións na estrada LU-751, nos municipios de Meira e Ribeira de Piquín; na OU-510 en Ourense; e na autovía AG-51 en Salvaterra de Miño.

Ademais proseguirán as actuacións na AC-102, ao seu paso por Cerdido, na provincia da Coruña, e na vía de altas prestacións CG 2.2 ao seu paso polos municipios lucenses do Páramo e Sarria.

Tamén continuarán estes traballos nas estradas da provincia de Ourense: na OU-212 ao seu paso por Beariz, Avión, Leiro, Carballeda de Avia e Beade; a OU-504 no Carballiño, Maside e Leiro; na OU-403 e OU-402 nos municipios de Rivadavia, Castrelo de Miño e Ourense; e na vía de altas prestacións VG-3.1 en San Cibrao das Viñas.

Na provincia de Pontevedra continúan os traballos iniciados nas pasadas semanas en distintos tramos de AG-46, CG-4.1, VG-4.6 e VG-4.5, en Moaña e Cangas; e na estrada PO-504,na rotonda do Vinquiño, en Sanxenxo.

Conservación, prevención de lumes, seguridade viaria
 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acomete estas actuacións no marco do contrato coa empresa pública Seaga, por importe de máis de 2,2 millóns de euros, para o control da biomasa das marxes das estradas de titularidade autonómica para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.


Estas novas accións de conservación nas vías de titularidade da Xunta permitirán, nesta nova encomenda, a roza mecánica de máis de 2.600 quilómetros lineais e actuar nunha superficie de máis de 188.500 metros cadrados de xeito manual.

Ademais, retiraranse máis de 5.600 árbores situadas no dominio público das estradas, susceptibles de provocar lumes ou de supoñer un risco de caída na calzada. Tamén se levará a cabo a reparación de 22.500 metros lineais de valado dos noiros perimetrais das estradas.

Como novidade na encomenda de 2022, prevese a reposición de 7.500 metros de valado en vías de alta capacidade que se poida danar nos labores de despexe ou roza. A reposición realizarase con valado reforzado para aumentar a protección da estrada fronte á entrada de animais.

Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.

Imaxes relacionadas