A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asistiu á sinatura do convenio entre ambas entidades

A Xunta e o Colexio Oficial de Arquitectos elaboran unha guía técnica para facilitar o traballo dos axentes urbanísticos

As fichas gráficas poderán ser consultadas e descargadas no seu formato dixital por calquera interesado nas páxinas web da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2022

  A Xunta de Galicia e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) colaborarán na actualización das fichas gráficas de servidumes e de limitacións de dominio para facilitar o traballo de todos os axentes implicados no eido do urbanismo e previr irregularidades que poidan motivar a apertura de expedientes disciplinarios por parte dos concellos ou da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU).

Mediante o convenio asinado entre a APLU e o COAG, non só se porán ao día as fichas gráficas que datan de 2011, senón que tamén se introducirán novos contidos, que poderán ser consultados e descargados no seu formato dixital por calquera interesado nas páxinas web de ambas entidades.
 
Así, grazas ao traballo desenvolvido mediante este convenio, que estipula un orzamento de máis de 7.200 euros e un prazo de execución de 3 meses, poderase coñecer dun modo sinxelo e esquemático todas as afeccións que atinxen ao territorio, como, por exemplo, as limitacións e servidumes en materia de costas, montes, portos, aeronáutica, enerxía, telecomunicacións, defensa, patrimonio cultural, transportes -estradas, camiños, ferrocarrís- ou minería, entre outras.
 
Deste xeito, estas fichas suporán unha importante ferramenta de traballo para o persoal dos concellos adheridos á APLU e para calquera profesional relacionado co eido do urbanismo e a ordenación do territorio tanto no que se refire ao planeamento como á súa execución, ás licencias ou á disciplina urbanística.
 
Segundo salientou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, “dispor dunha guía actualizada redunda nun maior coñecemento que dotará de maior seguridade xurídica ás actuacións”.

Imaxes relacionadas