A Xunta sinala a importancia do Semestre Europeo e o aliñamento de Galicia coas recomendacións dadas a España

O Goberno galego tomou nota das recomendacións específicas dadas pola UE a España e comprométese a cumprilas, ademais de avanzar na execución do Plan Nacional de Recuperación e Resiliencia
 

A Administración autonómica reclama ao Executivo estatal maior coordinación nas actuacións a financiar con fondos europeos tendo en conta as particularidades de cada comunidade autónoma

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2022 A Xunta destaca a importancia da participación das comunidades autónomas no Semestre Europeo, o ciclo de coordinación das políticas económicas, orzamentarias, sociais e laborais dentro da Unión Europea. Este ano, o Semestre Europeo proporciona apoio aos Estados membros dous anos despois do primeiro impacto da pandemia da covid-19 e en medio da guerra en Ucraína, polo que está fortemente ligado ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e ao plan europeo para independizar a Europa dos combustibles fósiles rusos (REPowerEU).

 

Nesta liña, a Xunta comprométese a aliñarse coas recomendacións dadas a España polo Consello Europeo. Unha vez estudadas as liñas a seguir neste ano, o Executivo galego ponse a disposición do estatal para cooperar na elaboración do próximo Programa Nacional de Reformas. O Goberno galego destaca que as recomendacións da UE se tiveron en conta tanto na elaboración do Plan Estratéxico 2022-2030, refrendado o pasado 14 de setembro no Parlamento de Galicia, como na elaboración dos programas de fondos da política de cohesión do marco financeiro 2021-2027. 

 

A Xunta reclama ao Goberno central un mecanismo de coordinación eficaz para traballar neste Semestre Europeo de acordo coas competencias de cada administración, a través de foros que permitan ás comunidades coñecer a diagnose e recomendacións que fai a UE da situación económica en España e así poder aportar as indicacións necesarias no que atinxe ás particularidades de cada autonomía. En liña coas recomendacións dadas a nivel europeo, Galicia aposta polo reforzo das conferencias sectoriais existentes coa finalidade de mellorar a coordinación entre o Estado e as comunidades e de garantir unha verdadeira gobernanza multinivel.

 
Do mesmo xeito, na execución do Plan Nacional de Recuperación e Resiliencia, o Goberno galego demanda un mecanismo de consulta efectiva para que se teñan en conta as contribucións das comunidades autónomas na definición das actuacións a financiar, de xeito que estas respondan ás prioridades estratéxicas de Galicia.

Imaxes relacionadas