A Xunta incrementará nun 7,5% os fondos para que os centros educativos fagan fronte á factura enerxética nos Orzamentos 2023

A medida ten como obxectivo evitar que a alza dos prezos repercuta no benestar da comunidade educativa

De xeito paralelo, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a traballar nun plan de mellora enerxética para estes espazos

Tomaranse como exemplo modelos como o proxecto de aforro enerxético desenvolvido polo CIFP As Mercedes de Lugo, pioneiro en toda España, que o conselleiro Román Rodríguez vén de coñecer in situ

A Xunta leva investidos máis de 112M€ desde 2017 en obras de eficiencia enerxética nos centros educativos e o 40% do orzamento do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica está destinado a actuacións de sustentabilidade e eficiencia enerxética
 

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2022 A Xunta de Galicia vai incrementar nos Orzamentos 2023 os gastos de funcionamento que transfire aos centros educativos para facer fronte á factura enerxética. O incremento nesta partida será do 7,5%, 5M€ máis, coa finalidade de afrontar a inflación desbocada que afecta a prezos como o do gasóleo de calefacción ou os de subministracións que empregan os colexios e institutos. A medida ten como obxectivo evitar que a alza dos prezos repercuta no benestar da comunidade educativa. 

De xeito paralelo, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a traballar nun plan de mellora enerxética que permita optimizar o consumo dos centros, acadando ao mesmo tempo unha maior eficiencia e un maior confort no marco do compromiso medioambiental do Goberno galego. 

Para iso, o departamento educativo da Xunta tomará como exemplo sistemas como o proxecto de aforro enerxético desenvolvido polo Centro Integrado de FP As Mercedes (Lugo). O traballo, pioneiro en España iniciouse no 2012, ano no que obtivo o primeiro posto na competición de Eficiencia Enerxética na Formación Profesional convocada por Schneider Electric e o Ministerio de Educación. Precisamente, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou nos últimos días o centro para coñecer esta iniciativa e o seu funcionamento en persoa. 

Software de control

O sistema de xestión enerxética está baseado na instalación dun software desde o que se controla toda a instalación eléctrica como da calefacción dos diferentes edificios que compoñen o CIFP As Mercedes. A través dunha aplicación poden pecharse portas para evitar fugas de calor, apagar ordenadores ou desconectar a corrente eléctrica de determinadas zonas do centro.  

O sistema funciona de xeito autónomo partindo da programación das necesidades e o control dos consumos segundo as necesidades de cada espazo formativo. Deste xeito, o control realízase por andares, cunha sectorización máis específica nos talleres, nos que existe un maior número de elementos de alto consumo. O obxectivo é evitar consumos ocultos que incrementan notablemente o gasto. De feito, o aforro enerxético pode chegar ao 70%, en función do momento do curso académico no que se mida. 

O funcionamento deste programa combínase coa aplicación de outras medidas de eficiencia enerxética, como a instalación de portas automáticas con detectores de presenza ou luminarias LED. O conselleiro de Educación comprometeuse a analizar a posibilidade de aplicar este sistema innovador de eficiencia enerxética noutros centros educativos dependentes do seu departamento, en función das súas características técnicas e construtivas. 

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Cómpre lembrar que o Goberno galego leva anos apostando pola redución de emisións e polo aforro enerxético nos centros. Non en balde, a Xunta leva investidos máis de 112M€ desde 2017 en obras de eficiencia enerxética nos centros educativos, o que supón un aforro enerxético medio do 45%, tanto en kwh/m2 como en emisións de CO2. 

De feito, do total de 191M€ de orzamento do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o 40% está destinado a actuacións de sustentabilidade e eficiencia enerxética. Só este ano destínase un orzamento de 31M€ para estas melloras, que se centran en intervencións de instalación de novas luminarias led ou en actuacións de maior envergadura, como os cambios de cuberta, as renovacións de fiestras, a impermeabilización das fachadas ou a instalación de caldeiras centralizadas de biomasa. Así mesmo, este ano licitouse un paquete de obras para a dotación de instalacións solares fotovoltaicas en centros de Educación Especial.

Imaxes relacionadas