A Xunta acomete a limpeza da muralla de Lugo no marco das tarefas de mantemento, ás que destina case 616.000 euros

O delegado territorial, Javier Arias, explica que os traballos comezaron a principios de setembro, cando os informes de control de fauna constataron a marcha dos cirrios

Lugo, 15 de outubro de 2022

  A Xunta de Galicia está a realizar labores de limpeza da muralla de Lugo no marco do contrato de mantemento bianual, ao que destina 615.900 euros.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que os traballos deron comezo a principios de setembro, unha vez que os informes de control de fauna constataron a marcha dos cirrios do monumento. A planificación da limpeza da muralla ao longo do ano respecta os períodos de nidificación e cría desta colonia de paxaros que forma parte da diversidade e a riqueza ambiental de Lugo.
 
As tarefas consisten no corte e retirada da vexetación con métodos manuais. Nas primeiras semanas limpouse o adarve, que xa está rematado, e avanzouse especialmente nos paramentos exteriores, se ben tamén están iniciados os traballos polo interior. En global, están executadas nun 50% aproximadamente e estímase que finalizarán na primeira quincena de novembro.
 
O contrato de mantemento inclúe outras actuacións cotiás no monumento, como reparacións de solados, varandas, revocaduras e albardillas, ou na instalación eléctrica e a iluminación, entre outros elementos.

Imaxes relacionadas