Máis de 136.000 persoas maiores de 60 anos xa recibiron a cuarta dose da vacina contra a covid en Galicia

Este luns, 17 de outubro, rematará a vacinación do grupo etario de entre 80 e 84 anos

A vindeira semana, Sanidade comezará a citar nos centros de atención primaria de cabeceira, a todas aquelas persoas maiores de 85 anos que non recibiran a dose de reforzo da covid-19, de acordo ao establecido no Plan de vacinación da Xunta de Galicia

A dirección xeral de Saúde Pública avanza que na xornada de onte xa comezou a vacinar a poboación de entre 70 a 79 anos
 

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2022 

A Dirección Xeral de Saúde Pública informa que ata a xornada de onte, día 14 de outubro, un total de 136.000 persoas maiores de 60 anos xa recibiron a cuarta dose da vacina contra a covid-19 en Galicia.

Dun xeito desagregado, a dose de reforzo contra o coronavirus foi administrada en grandes recintos de vacinación a preto de 116.000 persoas, desde que o pasado día 7 de outubro botara a andar a vacinación nestes espazos. Así, a esta cifra debe engadirse ás máis de 20.000 persoas usuarias dos centros sociosanitarios que foron vacinadas ao comezo da campaña.

Segundo a planificación elaborada polo departamento da Consellería de Sanidade, o vindeiro luns, 17 de outubro, rematará a vacinación do grupo etario de entre 80 e 84 anos e; a vindeira semana, comezará a citar nos centros de atención primaria de cabeceira, a todas aquelas persoas maiores de 85 anos que non recibiran a dose de reforzo da covid-19, de acordo ao establecido no Plan de vacinación da Xunta de Galicia. Ademais, Sanidade comezou na xornada de onte a vacinar a poboación de entre 70 a 79 anos.

 

Pola súa banda, no que atinxe a vacinación da gripe das persoas maiores de 60 anos, unha porcentaxe próxima ao 96% aceptou a administración conxunta da vacina da gripe e da covid-19. En canto aos 70.000 menores, con idades comprendidas entre os 6 e os 59 meses, e que conforman a poboación diana infantil, nos primeiros tres días de campaña xa foron vacinados 1.200 nenos e nenas da gripe.

A Consellería de Sanidade agradece a toda a poboación a súa colaboración e responsabilidade, así como as profesionais que desenvolven o seu labor nos puntos de vacinación.
Cómpre lembrar que a nova vacina que a Xunta de Galicia está a administrar é multivariante, e efectiva contra as cepas BA4 e BA5, as circulantes actualmente.
 

A vacina contra a covid-19 evita ingresos hospitalarios e salva vidas. Na xornada de hoxe, Galicia rexistra 2.035 casos activos. Por este motivo, a Consellería de Sanidade fai un chamamento á vacinación e agradece a colaboración da cidadanía, animando aos nosos maiores a que acudan, unha vez mais, á cita de vacinación contra covid-19.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. de Sanidade