A delegada territorial da Xunta en Ferrol participou esta mañá na presentación do audiovisual promovido polo Club de Prensa de Ferrol

Martina Aneiros pon en valor a cinta 'Ferrol e o Camiño Inglés', cofinanciada pola Xunta, pola súa contribución ao posicionamento da ruta, da cidade e da ‘marca Galicia’

O vídeo, dirixido polo ferrolán Mario Llorca Loureiro, fai un percorrido por cada unha das poboacións polas que discorre o Camiño Inglés, comezando polo peirao de Curuxeiras

Trala presentación desta mañá, a peza será posta a disposición da Axencia de Turismo de Galicia para a súa difusión

Ferrol, 15 de outubro de 2022

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación do proxecto audiovisual “Ferrol e o Camiño Inglés”, promovido polo Club de Prensa de Ferrol e cofinanciado pola Xunta a través do programa “O Teu Xacobeo”.

 

A cinta, dirixida polo fotógrafo e videógrafo ferrolán, Mario Llorca Loureiro, fai un percorrido por cada unha das poboacións polas que discorre o Camiño Inglés, comezando polo peirao de Ferrol, facendo fincapé no potencial do seu patrimonio histórico-artístico, sen esquecer a riqueza gastronómica e paisaxística.

 

A delegada territorial puxo en valor o traballo do Club de Prensa á hora de facilitar “o coñecemento dunha ruta histórica”, ao tempo que contribúe ao “posicionamento do Camiño, de Ferrol e da marca Galicia”. Ademais destacou que este compromiso “se enmarca no propio espírito do programa O Teu Xacobeo que ten sido ata o de agora a maior convocatoria aberta de proxectos socioculturais de Galicia”, poñendo de manifesto que o Camiño de Santiago e o Xacobeo están moi presentes no conxunto da sociedade galega.

 

Trala presentación desta mañá, a peza será posta a disposición da Axencia Turismo de Galicia e o Concello de Ferrol para a súa difusión nas oficinas de turismo e canles de televisión.

Imaxes relacionadas