A Xunta destaca o labor dos 100 farmacéuticos de Atención Primaria do Sergas trala incorporación de 28 novos efectivos este ano

O director xeral de Asistencia Sanitaria salientou nas III Xornadas de FAPsGal, a potenciación das capacidades desta categoría profesional tras habilitalos para a renovación da medicación de pacientes crónicos

Aboal Viñas lembrou que o persoal farmacéutico de Atención Primaria do Sergas realizou 109.000 consultas de renovación de receitas ao longo deste ano
 

Sanxenxo (Pontevedra), 15 de outubro de 2022 O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas, destacou esta mañá no acto de clausura das xornadas da Asociación de Farmacéuticos de Atención Primaria FAPs pola atención primaria, o grande labor que está a desenvolver o corpo de farmacéuticos do nivel asistencial máis próximo á cidadanía. Así, en alusión ao proceso de transformación no que está inmersa a atención primaria, Aboal Viñas apuntou que a Xunta de Galicia continúa a reforzar os recursos destinados á atención farmacéutica nas estruturas dos centros de saúde e dos PAC e a potenciar as súas capacidades.

Neste liña, e dentro do marco lexislativo proporcionado pola Lei de ordenación farmacéutica, explicou que os Orzamentos da Xunta para o vixente ano 2022 permitiron a creación de 28 novas prazas estruturais, que foron cubertas polas distintas áreas sanitarias ao longo do ano coa contratación dos correspondentes profesionais e que serven para conformar a realidade actual dun corpo formado por 100 efectivos de Farmacia de atención primaria.

O progresivo aumento da demanda sanitaria derivou na necesidade de artellar novas formas organizativas para establecer o seguimento das enfermidades e tratamentos crónicos da poboación, e así facer un uso eficiente de todos os recursos dispoñibles. Nese sentido, o Sergas vén de implantar un modelo que permite que, cando un paciente crónico non teña dispoñible cita para renovación de receitas co seu médico de familia, esa consulta poida derivarse ao farmacéutico do seu servizo.

Ademais, e co ánimo de garantir a mellor atención sanitaria posible, a Xunta reforzou a súa estrutura sanitaria poñendo en marcha a Central de Apoio á Atención Primaria, cuxa dotación de persoal farmacéutico atendeu telefonicamente as consultas de renovación de receita daqueles centros de saúde máis tensionados.

Neste senso, no que vai de ano, este sistema de atención permitiu que o persoal farmacéutico de atención primaria ao servizo do Sergas, tanto nos centros de saúde como nesta central, resolvera máis de 109.000 consultas para a renovación de receitas, contribuíndo así a axilizar a atención da demanda sanitaria da cidadanía.

Durante o acto de clausura da xornada, no que tamén participou a subdirectora xeral de Farmacia, Silvia Reboredo; o director xeral de Asistencia Sanitaria destacou que “hoxe máis que nunca, o farmacéutico é consciente dos retos e transformacións aos que se debe enfrontar o noso sistema sanitario ante o envellecemento da poboación, a cronicidade e a polimedicación”.

Aboal Viñas salientou o conxunto de programas postos en marcha pola Consellería de Sanidade co obxectivo de abordar estes retos, destacando o programa de atención farmacéutica a residencias sociosanitarias, o de prácticas seguras con medicamentos de uso crónico e o programa de conciliación da medicación en Atención Primaria en coordinación con atención hospitalaria.

Así mesmo, anunciou que de xeito inminente, os servizos de Farmacia de Primaria colaborarán co persoal farmacéutico das oficinas de farmacia na elaboración e provisión de sistemas personalizados de dosificación a determinados pacientes polimedicados.

Pola súa banda, a subdirección xeral de Farmacia do Sergas está a traballar no decreto polo que se regulan as unidades de farmacia e depósitos de medicamentos e produtos sanitarios nas estruturas de atención primaria.

O director xeral de Asistencia Sanitaria avogou por seguir desenvolvendo o previsto na Lei de ordenación farmacéutica de Galicia, “asegurando un acceso axeitado aos medicamentos e produtos sanitarios, con criterios de calidade, homoxeneidade e equidade, dunha maneira eficiente, integrada e coordinada entre os niveis asistenciais”.

Reforma tecnolóxica

Dun xeito paralelo a esta reforma organizativa, Sanidade tamén comezará a implementar unha reforma tecnolóxica co desenvolvemento da aplicación SergasMóbil para que xere alertas para o paciente cando se aproxime a caducidade da súa receita e lle permita solicitar a renovación través da aplicación. 

O persoal médico e farmacéutico recibirá esa notificación de solicitude no seu sistema de historia clínica electrónica e, no caso de valorar que a renovación procede sen necesidade de revisión física, poderá autorizala de xeito telemático.     

Este sistema abrirá “unha enorme ventá de oportunidade para eliminar desprazamentos, trámites e complicacións tanto á cidadanía como ao persoal sanitario”, resumiu Aboal, quen animou a todos os asistentes á xornada a seguir traballando nesta liña e felicitou a FAPsGAL pola organización destas xornadas.


 

Imaxes relacionadas