Un total de 82 universitarios acadan os Premios Fin de Carreira da Xunta

O 58% son mulleres e a universidade con máis premiados é a de Vigo, con 38, seguida da de Santiago con 32, mentres que na da Coruña hai 12

Cada un dos galardoados recibirá 3.500€ e un diploma acreditativo desta distinción

 

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2022.-

A Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia a resolución dos Premios Fin de Carreira para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2021 no Sistema Universitario de Galicia. Un total de 82 persoas reciban este recoñecemento, que ten como finalidade distinguir o traballo dos alumnos máis destacados, incentivado así a excelencia académica como aposta de futuro para Galicia.

 

Do total dos premiados, o 58% (48 persoas) son mulleres. A universidade con máis premiados é a de Vigo, con 38, seguida da de Santiago con 32, mentres que na da Coruña hai 12 galardoados.

 

Os mellores expedientes distribúense en 56 titulacións nos diferentes campus. Por número de recoñecementos destacan o grao en Administración e Dirección de Empresas e o grao en Educación Primaria da Universidade de Vigo, ambas titulacións con cinco persoas premiadas cada unha; e o grao en Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, con catro galardóns.

 

Esta convocatoria da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades conta cunha dotación económica de 3.500€ por persoa, ademais dun diploma acreditativo desta distinción.

 

Para optar ao premio as persoas candidatas debían acreditar unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,50 puntos para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde e 7,50 puntos para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

Imaxes relacionadas