O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal participou no acto de lembranza do 5º aniversario dos incendios forestais que afectaron os montes de Vigo

A Xunta pon en valor os 1,4 M€ investidos na recuperación do potencial forestal dos montes de Vigo

Os traballos, que culminaron este ano, realizáronse ao abeiro do convenio entre o Goberno galego, a mancomunidade de montes da cidade e as comunidades de montes veciñais de Valadares, San Andrés de Comesaña, Coruxo e Zamáns

Pioneiros no marco das cidades galegas, os labores consistiron na construción de peches protectores de rexeneración, na plantación de frondosas e piñeiros ou na roza e na mellora de pistas forestais, entre outras cuestións
 

Vigo (Pontevedra), 15 de outubro de 2021

  O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, puxo hoxe en valor os 1,4 millóns de euros investidos pola Xunta na recuperación do potencial forestal dos montes de Vigo. Así, no acto de lembranza do 5º aniversario dos incendios que afectaron esta zona, recalcou que estes traballos -que culminaron este ano e se levaron a cabo de xeito pioneiro no marco das cidades galegas- realizáronse ao abeiro do convenio entre o Goberno galego, a mancomunidade de montes da cidade e cada unha das comunidades de montes veciñais en man común de Valadares, San Andrés de Comesaña, Coruxo e Zamáns co gallo de restablecer o valor ambiental, económico e social destes terreos forestais.

En concreto, tal e como destacou o director xeral, actuouse nun total de 270 hectáreas de superficie e en 25 quilómetros de pistas forestais. Nesa liña, as accións consistiron fundamentalmente na construción de peches protectores de rexeneración, na eliminación de brotes de eucalipto/acacia, na plantación de frondosas e piñeiros, na retirada de madeira queimada e na roza e mellora de pistas forestais, entre outras cuestións.

No acto, José Luis Chan aproveitou para trasladar o esforzo investidor que o Goberno galego realiza este ano no marco do Plan Forestal de Galicia 2021-2040. Así, lembrou que se veñen de resolver as axudas para a creación de superficies forestais, con 150 expedientes aprobados por un orzamento total de 4,5 millóns de euros, o que suporá a plantación de arredor de 2.500 hectáreas de coníferas e frondosas.

Segundo salientou, a Consellería do Medio Rural está a tramitar as solicitudes correspondentes a outras tres ordes de axudas, cun orzamento combinado que supera os 20,4 millóns de euros. Trátase das destinadas a paliar os danos nas explotacións forestais causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022 (2 millóns), das achegas para accións silvícolas (13 millóns) e das destinadas á elaboración de instrumentos de xestión ou ordenación forestal (5,4 millóns de euros).

Así mesmo, tal e como recordou o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, a Xunta convocará este ano por vez primeira unha liña de axudas para novas plantacións de castiñeiro e para a recuperación de soutos tradicionais.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural