A Xunta inicia as obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-934 no treito coincidente co Camiño do Norte, no concello de Sobrado

A intervención, cun investimento de preto de 70.000 €, céntranse na execución dunha senda pola marxe esquerda da estrada, entre os puntos quilométricos 26+350 e 26+600
 

Tamén continúan os traballos que se están a executar na estrada AC-231 ao seu paso polo municipio para habilitar un itinerario de algo máis de 1,5 quilómetros de lonxitude
 

Estas obras forman parte das 39 intervencións de mellora da seguridade viaria que a Xunta vai executar este ano en cruzamentos ou treitos paralelos das rutas xacobeas coas estradas autonómicas, cun orzamento de preto de 1,8 M€
 

O Goberno galego dálle así continuidade ás 70 obras que realizou o pasado ano nas marxes dos Camiños, ás que destinou 1,4 M€
 

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2022 A Xunta vén de comezar as obras de mellora de seguridade viaria na estrada AC-934, no treito coincidente co Camiño do Norte, ao paso polo concello coruñés de Sobrado.

 

Esta intervención, que supón un investimento de preto de 70.000 euros, céntranse na execución dunha senda pola marxe esquerda da estrada, entre os puntos quilométricos 26+350 e 26+600.

 

As obras inclúen a reubicación de parte da sinalización existente e a instalación de tubaxe de canalización de pluviais, construíndo a continuación unha nova senda sobre ela.

 

Ademais, neste mesmo municipio, continúan as obras de mellora de seguridade viaria na estrada AC-231, no treito coincidente tamén co Camiño do Norte, onde se está a executar unha senda de algo máis de 1,5 quilómetros de lonxitude.

 

Esta nova actuación enmárcase nas 39 intervencións de mellora da seguridade viaria que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai executar este ano en cruzamentos ou treitos paralelos das rutas xacobeas coas estradas autonómicas, cun orzamento de preto de 1,8 millóns de euros.

 

A encomenda deste ano levarase a cabo nos distintos camiños e trazados da ruta xacobea en tres provincias galegas. Na provincia da Coruña están programadas un total de 11 actuacións; na de Lugo, 23; e na de Ourense, 5.

 

O Goberno galego dálle así continuidade ás 70 obras que realizou o pasado ano nas marxes dos Camiños, e ás que destinou 1,4 M€.