A Semana Europea das Rexións e Cidades finaliza en Bruxelas cunha destacada participación galega

Esta cita anual dedicada á cohesión territorial dentro da UE reuniu a máis de 10.000 participantes e tres actos contaron con participación galega

Bruxelas, 15 de outubro de 2022

A Semana Europea das Rexións e Cidades (#EURegionsWeek) pechou onte en Bruxelas a súa vixésima edición con máis de 300 actos presenciais e en liña. Dentro do programa oficial, tres debates contaron con relatores de Galicia para compartir experiencias na loita contra o cambio climático, a transición dixital e a participación en proxectos europeos.

 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou o mércores, 12 de outubro, nun seminario virtual-organizado pola Fundación Galicia Europa sobre desenvolvemento urbano sostible xunto a outras rexións e municipios de Romanía, Eslovenia, Portugal e Polonia.

 

A Xunta presentou aquí a súa experiencia como entidade coordinadora do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, grazas á cal máis do 90% dos concellos galegos están xa adheridos ao maior movemento supranacional para buscar sinerxías locais ante o cambio climático. A Oficina técnica do Pacto en Galicia, en marcha dende hai catro anos, prestoulles axuda técnica e financeira para redactar os seus plans locais de acción para o clima e a enerxía (PACE), un documento esencial neste compromiso coa transición verde que xa presentaron 247 concellos galegos.

 

Así mesmo, a Xunta avanzou que, na futura Lei do clima autonómica na que está agora a traballar, os concellos galegos serán unha peza clave de cara ao cumprimento dos obxectivos de neutralidade climática o antes posible e como prazo límite, no ano 2050.

 

De xeito paralelo, a sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas acolleu un seminario en formato híbrido na transición dixital a través da conexión dos ecosistemas rexionais de innovación. Nel participaron varios representantes da Vanguard Initiative, a rede que reúne a 39 das rexións industriais máis avanzadas de Europa para estimular a innovación e construír cadeas de valor europeas baseadas na complementariedade entre as súas estratexias rexionais de especialización intelixente.

Por parte de Galicia, interveu a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, quen destacou a importancia da colaboración interrexional para impulsar a innovación e a competitividade de rexións como Galicia. Destacou, de feito, a cooperación como unha das fortalezas do ecosistema galego de innovación, como apunta o último Marcador Rexional de Innovación publicado pola Comisión Europea, que mostra un aumento do 40% entre 2014 e 2020 na colaboración entre pemes, e entre estas e os axentes de I+D+i en Galicia. Así mesmo, reivindicou a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation para impulsar a dixitalización en Europa desde a cooperación -entre axentes dentro do ecosistema pero tamén entre ecosistemas- e a especialización, como marcan as Estratexias de Especialización Intelixente (RIS3) de cada rexión.

20 anos da Semana Europea das Rexións e das Cidades

 

A Semana Europea das Rexións e Cidades (#EURegionsWeek) é o principal evento anual dedicado á política rexional, na que os entes subestatais mostran a súa capacidade para xerar crecemento e emprego, aplicar a política de cohesión da Unión Europea e demostrar a importancia do nivel local e rexional para a boa gobernanza europea. Desde a súa primeira edición en 2002, este evento creceu ata converterse nunha plataforma única de comunicación e traballo en rede en toda Europa.

 

A Fundación Galicia Europa, como oficina de representación de Galicia en Bruxelas, promove a participación galega nesta semana dende os seus inicios organizando seminarios, facilitando a presenza de relatores galegos e animando á asistencia dende Galicia.

Imaxes relacionadas