A Xunta destaca no Barco o papel das asociacións de comerciantes no impulso aos negocios locais

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou no sorteo da iniciativa ‘Mercar no teu comercio ten premio’, organizada a nivel autonómico pola Federación Galega de Comercio e coa colaboración neste caso da Asociación de Comerciantes do Barco

Os comerciantes poden sumarse xa ao programa do Bono Activa Comercio, con descontos de 30 euros que os consumidores poderán descargar a partir do 24 de outubro

O Barco de Valdeorras (Ourense), 14 de outubro de 2022 

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, salientou hoxe no Barco o papel das asociacións de comerciantes no impulso dos negocios locais, traballando de xeito conxunto para incrementar a súa competitividade e achegar novos servizos aos consumidores. Heredia participou no sorteo da campaña Mercar no teu comercio ten premio, impulsada pola Federación Galega de Comercio co apoio da Xunta de Galicia co obxectivo de achegar o consumidor aos establecementos locais e poñer en valor as súas vantaxes.

 

A iniciativa desenvolverase en máis de 40 localidades de toda Galicia, sorteando máis de 40.000 euros en premios entre os clientes do comercio de proximidade. Estenderase ata finais de novembro a través de campañas dunha semana de duración en cada unha das localidades. Os tíckets das compras realizadas no comercio local nese tempo poderán cambiarse o día final da campaña por boletos de participación no sorteo en directo de premios, consistentes en tarxetas prepago de 30 e 50 euros. Nesta ocasión a iniciativa contou coa colaboración da Asociación de Comerciantes do Barco. Todos os clientes que realizaran compras no comercio de proximidade desde o pasado 8 de outubro puideron participar no sorteo en directo de 1000 euros en premios.

 

Esta iniciativa complementa as distintas accións impulsadas pola Xunta de Galicia para reactivar o consumo, entre as que destaca a segunda edición do Bono Activa Comercio. Este programa da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación permitirá mobilizar máis de 17 millóns de euros en compras, fomentando deste xeito o consumo no comercio de proximidade. Os comercios xa se poden adherir a esta iniciativa na web https://www.bonosactivacomercio.gal/, mentres que os clientes poderán acceder a partir do 24 de outubro a un bono desconto por un valor de 30 euros para as compras nos comercios adheridos.

Cun orzamento que alcanza os 5 millóns de euros, este programa da Xunta súmase ás diferentes liñas de axudas específicas para o comercio galego promovidas pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, centradas en eidos como a transformación dixital e a modernización do sector, así como para a dinamización e incentivación do consumo a través dos centros comerciais abertos e federacións de comerciantes e o impulso das prazas de abastos.