A Xunta pide ao Goberno central aumentar a colaboración no funcionamento do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou hoxe o centro xunto ao secretario de Estado para o Deporte, José Manuel Franco, a quen tamén lle agradeceu o destino de fondos europeos a obras nestas instalacións

Diego Calvo avanzou as melloras de eficiencia enerxética previstas pola Xunta neste centro nos orzamentos de 2023 e incidiu na aposta do Goberno galego coas infraestruturas deportivas con máis de 18M€ nas contas do próximo ano

No próximo ano, a Xunta continuará apostando polos centros de alto nivel e puxo en valor que só no CGTD supón unha achega de 4M€ anuais en gastos de mantemento
 

Pontevedra, 14 de outubro de 2022.-

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou esta tarde o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra xunto ao secretario de Estado para o Deporte, José Manuel Franco, a quen solicitou que o Goberno galego aumente a colaboración no mantemento destas instalacións, que se sitúa actualmente nunha aportación do 3% do custo total.

 

Pola súa parte, canto ao ao esforzo orzamentario que supoñen para a Xunta os gastos de mantemento do CGTD achégase aos case 4 millóns de euros anuais, aos que se suman 5 millóns en obras e melloras levadas a cabo nos últimos anos.

 

Durante a visita, á que tamén acudiu o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o vicepresidente segundo da Xunta puxo en valor a necesidade de seguir apostando por este centro atendendo ao nivel dos deportistas galegos acreditado cos seus bos resultados nas distintas competicións nacionais e internacionais. De feito, un terzo das medallas de España nos últimos Xogos Olímpicos corresponden a deportistas da comunidade.

 

Diego Calvo agradeceu a visita do representante do Estado e o anuncio de destinar fondos europeos a obras de eficiencia enerxética no centro. Destinaranse 2,3 millóns de euros de fondos europeos no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

 

As obras levaranse a cabo no CGTD e tamén nun dos seus edificios satélites, -o Campo de regatas David Cal, en Verducido- para as que Xunta reserva preto de 1 millón dos orzamentos de 2023 co obxectivo de dar os primeiros pasos xa o vindeiro ano, coa licitación do proxecto básico e de execución das obras.

 

No caso do CGTD, segundo a auditoría realizada, inclúense como medidas previstas a renovación do illamento das fachadas e a instalación de novas luminarias LED e sistemas de control autónomo na residencia, no instituto, nas oficinas e na piscina. Tamén se porá nova iluminación LED nas pistas de atletismo. A maiores, a residencia, o instituto e a piscina disporán de paneis fotovoltaicos. Prevese así un aforro enerxético superior ao 40% con respecto ao consumo actual.

 

O CGTD conta ademais con distintos edificios que funcionan como satélites: o Campo de Regatas David Cal en Verducido, o Centro Galego de Vela en Vilagarcía de Arousa e dous núcleos de adestramento deportivo especializado estreados este ano, o da Federación Galega de Surf en Nigrán e o do Kaiak Tudense, en Tui.

 

No caso do Campo de Regatas David Cal en Verducido, xestionado pola Federación Galega de Piragüismo, a Xunta colabora no seu financiamento cunha achega de 120.000 euros, tras o incremento do 5% no último exercicio. Ademais, o Goberno galego leva investidos máis de 10 millóns de euros desde a súa posta en funcionamento.

 

Aposta polo deporte de alto nivel

Diego Calvo apuntou que do CGTD saíron grandes nomes do noso deporte e máis de 20 olímpicos. Na actualidade 160 deportistas bolseiros de tecnificación e rendemento de 14 disciplinas “adestran nas instalacións para as grandes citas nacionais e internacionais”, engadiu. Trátase de 75 mulleres e 85 homes que practican piragüismo, atletismo, bádminton, judo, karate, loita, natación, natación artística, slalom, remo, taekwondo, tríatlon, vela ou ximnasia.

 

Ademais, neste curso o centro é sede do equipo nacional masculino de canoa sub23 e do feminino de kaiak, que suman 18 deportistas dos que 13 son de Galicia.

 

O vicepresidente segundo tamén agradeceu o labor do persoal do CGTD, que facilita a convivencia nas instalacións dos deportistas de tecnificación e rendemento cos clubs, centro sociocomunitarios e escolas municipais da cidade, que poden facer uso de balde desta infraestrutura fomentando o deporte base.

 

A reserva de preto de 1 millón de euros para a mellora enerxética forma parte da aposta da Xunta en materia deportiva nos orzamentos de 2023, nos que se destinan tamén 18 millóns de euros para impulsar a construción de instalacións en Galicia. No marco do compromiso da Administración autonómica polo deporte de alto nivel destacan medidas como o Plan de Patrocinio de Equipos de Alta Competición, as axudas a Deportistas Galegos de Alto Nival (DGAN), ou a posta en macha de 6 núcleos de entrenamento deportivo especializado (NADE), entre eles os 2 vinculados ao CGTD.