Lete Lasa enxalza o tenis galego con embaixadores como Lourdes Domínguez, Martín de la Puente ou o ITF Júnior de Sanxenxo no que xogaron Alcaraz e Rudd

O torneo leva anos sendo un Proxecto de Especial Relevancia no convenio de colaboración que asina a Secretaría Xeral para o Deporte coa Federación Galega de Tenis e que neste 2022 ascende un 3% ata preto dos 110.000 euros

Sanxenxo (Pontevedra), 14 de outubro de 2022 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do XX Torneo Internacional de Tenis ITF Júnior e do XIV Torneo Internacional de Tenis ATE Cadete que terán lugar no Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo dende o vindeiro 18 de outubro.

Destacou o papel da gañadora de catro Grand Slams, Arantxa Sánchez-Vicario, presente no acto, como pioneira e inspiradora de moitos dos que viñeron detrás, como foi o caso da pontevedresa Lourdes Domínguez, que en 1999 converteuse na primeira española en gañar Roland Garros Júnior, “un fito que hoxe segue a ser unha das maiores xestas do tenis galego”.

Lete Lasa sinalou que dende aquela, o tenis galego seguiu a medrar e, nese sentido, subliñou a importancia do vigués Martín de la Puente, “o mellor tenista español en cadeira de rodas que vén de acadar o seu primeiro Grand Slam, nos dobres en cadeira do US Open”.

Precisamente, moitos dos gañadores e finalistas dese US Open -os españois Carlos Alcaraz (campión sénior) e Martín Landaluce (campión júnior), o noruegués Casper Rudd (finalista sénior), o belga Guilles Bailly (finalista belga) ou a filipina Alexandra Eala (campioa júnior)- participaron anteriormente nos torneos de Sanxenxo. Esta, dixo, “é unha mostra do excepcional traballo que realiza Galicia e este torneo de máis de 20 anos de historia co deporte de base”.

Por último, Lete Lasa lembrou que o Torneo ITF Júnior de Sanxenxo leva anos sendo un Proxecto de Especial Relevancia no convenio de colaboración que asina a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes coa Federación Galega de Tenis. Un convenio que neste 2022 ascendeu un 3% ata preto dos 110.000 euros.

 
 

Imaxes relacionadas