O Plan Anual da Cooperación Galega incrementará o seu orzamento en 2023 ata case 9 M€

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes do corpo consular de Galicia para coñecer as súas demandas e trasladarlle o compromiso do Goberno galego en materia de acción exterior

Oleiros (A Coruña), 14 de outubro de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo,  explicoulle hoxe aos membros do corpo consular de Galicia as prioridades da acción exterior do Goberno galego nos próximos anos.

Así, Diego Calvo avanzou que o Plan Anual da Cooperación Galega contará en 2023 cun orzamento de case 9 millóns de euros, case un 14% máis que a contía do ano pasado.

Esta suba -indicou- permitirá reforzar as liñas tradicionais de axudas. En concreto, cun incremento do 11% nas convocatorias bianuais para proxectos de cooperación no exterior con 6 millóns de euros; do 40% na anual de subvencións para proxectos de axuda humanitaria, cunha dotación de 550.000 euros; e dun 33,33% máis na orde bianual destinada a apoiar proxectos de investigación para o desenvolvemento, cunha contía de 200.000 euros. As axudas plurianuais para proxectos de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global manteranse, igual que en 2022, nos 600.000 euros. Ademais, destinaranse outros 108.000 euros a 6 bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento.

A Xunta tamén está a elaborar o V Plan de Cooperación Galega para o período 2023-2026, que contará coas achegas de todos os axentes de cooperación e encamiñado a prestar apoio específico na reconstrución post-pandemia. Este é o último ano de execución do IV Plan director, cuxa vixencia remataba en 2021 e se prorrogou ata este 2022 debido á pandemia do coronavirus adaptando os programas á nova situación a través da Estratexia de resposta á covid-19 da cooperación galega.

Acción exterior útil

Diego Calvo avogou por continuar na senda dunha acción exterior útil. Nesta liña, marcou como eixes da acción exterior da comunidade coa defensa dos intereses de Galicia na Unión a través de instrumentos como a Lei reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia aprobada o ano pasado ou a nova Estratexia Galega de Acción Exterior que está a deseñar a Administración autonómica.

Outro dos obxectivos ten que ver co reforzo da cooperación transfronteiriza, en especial con Portugal no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que aspira a manter a súa posición de liderado na captación de fondos europeos da nova convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

O vicepresidente segundo da Xunta tamén fixo fincapé no apoio aos empresarios na internacionalización da empresa galega, o fomento das exportacións e a promoción do turismo a nivel internacional.

Imaxes relacionadas