As conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisaron hoxe as tarefas de fondeo do treito mariño do emisario submarino dos Praceres
A Xunta destinará en 2023 máis de 10 M€ á mellora do saneamento da ría de Pontevedra tras culminar este ano as obras do emisario submarino dos Praceres
Vázquez Mourelle destaca que o emisario submarino dos Praceres é o máis longo de toda Galicia, acada xa o 90% de execución e estará rematado este ano para conectarse á depuradora nos primeiros meses de 2023
Apunta que os traballos se están a centrar actualmente nos últimos treitos dos 2,9 km da parte mergullada do emisario, cuxa execución se dirixe no porto de Combarro e se prevé rematar este mesmo mes
Subliña que en cuestión de poucos meses estará culminado un investimento de case 30 M€ na mellora do saneamento da ría de Pontevedra, coa mellora da depuradora dos Praceres xa en servizo, desde xullo, e co novo emisario submarino
Concreta que os Orzamentos da Xunta de 2023 recollen partidas para as obras de saneamento no río Lameira, en Marín, ou para os proxectos da Seca e do Porto Campelo, en Poio, e do bombeo de Cocheras, en Pontevedra
A conselleira do Mar pon en valor estas obras que contribúen á mellora da calidade das augas e facilitan o traballo dos profesionais do sector marítimo-pesqueiro
Pontevedra, 14 de outubro de 2022 A Xunta destinará en 2023 máis de 10 millóns de euros á mellora do saneamento da ría de Pontevedra tras culminar este ano as obras do emisario submarino dos Praceres.
As conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisaron hoxe as tarefas de fondeo do treito mariño do emisario submarino dos Praceres.
Vázquez Mourelle detallou que o novo emisario submarino dos Praceres é o máis longo de toda Galicia, rolda xa o 90% de execución e estará rematado este mesmo ano para proceder nos primeiros meses de 2023 á súa conexión coa depuradora.
Indicou que os traballos desta infraestrutura se están a desenvolver sen afectar á actividade produtiva, adoptando medidas para minimizar o impacto na súa actividade e sinalizando con boias a situación do trazado polo que se vai avanzando para que dispoñan desa referencia visual.
A actuación do novo emisario divídese en dúas partes, a primeira delas, a obra terrestre, que se corresponde coa execución da cámara de carga e a estación do bombeo, que xa está case finalizada, restando só remates e os equipos, que xa están encargados para a súa instalación.
No que se refire ao emisario submarino propiamente dito, con 3,6 km de lonxitude total, xa está completado o tramo en túnel: 690 metros que se levaron a cabo coa tecnoloxía “direct pipe” de perforación dirixida, pioneira en España.
Agora os traballos estanse a centrar nos 2,9 km da parte mergullada do emisario, cuxa execución se dirixe no porto de Combarro. Así, hoxe, as conselleiras, o delegado da Xunta e os representantes das confrarías da ría supervisaron a marcha destes traballos in situ, a bordo dunha embarcación.
Ethel Vázquez explicou que se trata de tarefas moi complexas, que fixeron necesario buscar un sitio axeitado primeiro, para acopiar os materiais e logo para lanzar o emisario. Para iso, houbo que apoiarse nunha instalación portuaria, con terreo suficiente para desenvolver as manobras e poder mover esas pezas de grandes dimensións.
Precisou que son 9 os treitos de emisario que se fondearán, estando xa lanzados nestes momentos 6 deles, algo máis de 2.000 metros e fondeándose hoxe o 7º tramo. O proceso que se segue para o seu lanzamento é, primeiro, transportar os diferentes treitos flotando ata a zona, fondealos no lugar que corresponde para logo soldalos no fondo.
Unha vez colocado hoxe este 7º treito, restarán só os dous últimos, arredor de 600 metros de difusores, prevéndose que a parte submarina do emisario estea rematada a finais deste mes de outubro.
Depuradora
Vázquez Mourelle lembrou que en xullo se culminou e puxo en marcha a obra de mellora realizada na depuradora dos Praceres, cun orzamento de 16,5 M€ para a ampliación da liña de lodos e para optimizar o tratamento secundario garantindo a correcta depuración dun caudal de auga de 900 l/s.
Sinalou que esta intervención permitiu, non só cumprir os límites de vertido, senón situalos entre un 60 e un 80% por debaixo do establecido pola lexislación europea, logrando eliminar o 90% dos contaminantes, o que supón un salto de xigante na calidade das augas da ría.
Subliñou que en cuestión de poucos meses estará culminado un investimento de case 30M€ na mellora do saneamento da ría de Pontevedra, coa mellora da depuradora dos Praceres xa en servizo desde xullo, e co novo emisario submarino.
Adiantou, ademais, a vontade do Goberno galego de seguir traballando na mellora do saneamento da ría, con eses máis de 10 millóns de euros consignados nas contas da Xunta de 2023: as partidas necesarias, dixo, para seguir avanzando na execución doutras actuacións de saneamento como as previstas no río Lameira, en Marín, e nos proxectos de saneamento da Seca e do Porto Campelo, en Poio, e do bombeo de Cocheras, en Pontevedra.
A conselleira do Mar, pola súa banda, destacou as actuacións que está a realizar a Xunta en Pontevedra para mellorar o saneamento na ría pois contribúen a mellorar a calidade das augas en beneficio dos profesionais do sector marítimo-pesqueiro e do conxunto da cidadanía.