A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento

A Xunta defende a execución da nova depuradora de Queiruga, en Porto do Son, na zona da Ponte ao ser a ubicación máis viable desde o punto de vista técnico e ambiental

Teresa Gutiérrez avanza que xa está asinado o contrato de obras para o inicio inmediato dos traballos

Explica que a alternativa elixida é froito do estudo de diversas propostas, atendendo a criterios técnicos, ambientais e orográficos e conta cos informes favorables dos distintos organismos implicados

O proxecto, que non recibiu ningún informe desfavorable, foi sometido en outubro de 2021 ao proceso de información pública sen que se presentasen alegacións e aprobado en decembro de 2021 pola Xunta de Goberno Local do Concello de Porto do Son

A Xunta continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que exerzan as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito eficiente

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2022

A Xunta defende a execución da nova depuradora de Queiruga, no concello de Porto de Son, na zona da Ponte ao ser a ubicación máis viable desde o punto de vista ambiental e técnico.

 

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento, onde avanzou que xa está asinado o contrato de obras para o inicio inmediato dos traballos.


Detallou que a alternativa elixida é froito do estudo pormenorizado de diversas propostas. Unha vez avaliadas todas as opcións, baixo criterios medioambientais, técnicos e orográficos, determinouse que a alternativa máis eficiente é a localización na Ponte, que garante o funcionamento eficaz das instalacións.

 

O único río adecuado para a vertedura de auga residual depurada que cumpre cun cociente máis que suficiente entre o caudal vertido e o caudal mínimo de estiaxe é o río Maior. Canto máis augas arriba da praia do Dique, a zona de mestura atópase máis afastada da zona e permitirá un estado óptimo do río Maior na súa desembocadura.

 

Informes favorables

A directora de Augas de Galicia incidiu en que a alternativa finalmente escollida conta cos informes favorables do Concello de Porto do Son, da Axencia Galega de Infraestruturas, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ou da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, entre outros organismos autonómicos consultados.

 

O proxecto, que non recibiu ningún informe desfavorable, foi sometido, con data 20 de outubro de 2021, a información pública por un prazo de vinte días hábiles durante o que non se presentaron alegacións.

 

Dadas estas condicións, o proxecto foi aprobado o 14 de decembro de 2021 pola Xunta de Goberno Local do concello de Porto do Son, estando actualmente a actuación licitada e adxudicada e xa co contrato de obras asinado.

 

A Xunta continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito responsable e eficiente.