A Xunta apoia a mellora dos locais sociais das asociacións veciñais de Cinxe e Couxela, en Ribadeo

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe os edificios aos que se destinaron preto de 30.000 euros para a mellora da accesibilidade e do equipamento, entre outras accións

Os proxectos enmárcanse no Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais

O Goberno galego mantén nos orzamentos de 2023 o incremento do 20% nesta liña de axudas, que ascende a 3 M€

Ribadeo (Lugo), 14 de outubro de 2022

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe os locais sociais das asociacións veciñais de Cinxe e Couxela para coñecer as actuacións realizadas ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria, destinado a asociacións veciñais, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais. A achega global da Xunta ascende a case 30.000 euros que se destinarán en ambos casos a obras para mellorar o acondicionamento e o equipamento das instalacións, así como a accesibilidade.

A Asociación de Veciños de Cinxe recibiu 12.750 euros en 2021 para a eliminación de barreiras arquitectónicas, cambio de fiestras e pintado exterior das instalacións. Tamén adquiriu novo mobiliario, consistente nunha mesa e cadeiras. Búscase así mellorar a accesibilidade e a eficiencia enerxética a prol do benestar das persoas usuarias nas diversas actividades educativas, culturais, deportivas e festivas promovidas pola entidade.

Pola súa banda, a Asociación de Veciños de Couxela recibiu este ano 17.000 euros para construír unha rampla que lles facilite o acceso ás persoas con mobilidade reducida, ademais de acondicionar a parcela exterior co obxectivo tamén de mellorar a accesibilidade. A maiores, adquiriron mobiliario e utensilios para o desenvolvemento das actividades.

Aposta polo asociacionismo

A directora xeral referiuse ao importante labor que desenvolven as asociacións veciñais en Galicia, xa que fomentan actividades de lecer e de convivencia para distintas xeracións, e especialmente para persoas maiores que precisan dunhas instalacións confortables e accesibles. Nesta liña, salientou a liña de axudas da Xunta como unha aposta por este asociacionismo e traballo de dinamización veciñal.

Natalia Prieto destacou tamén a boa acollida do Plan específico de acción comunitaria entre as entidades galegas. Concretamente neste ano só na provincia de Lugo beneficiáronse 31 colectivos que recibiron unha contía global de 433.588 euros. A meirande parte da contía, 421.588, foron para 30 asociacións de veciños e os 12.000 restantes para unha asociación de mulleres rurais.

 

O orzamento global da iniciativa ascende en 2022 a tres millóns de euros, o máis elevado xunto co de 2016, cando comezou esta liña de subvencións, e que se vai manter nos presupostos de 2023 segundo sinalou a directora xeral. Desde a posta en marcha da medida a Xunta leva investido 16M€ no Plan, que forma parte das diferentes accións de apoio ao eido local. Nelas figuran tamén a Orde de infraestruturas de uso público e o Fondo de Compensación Ambiental, dirixidas aos concellos.

Imaxes relacionadas