O programa Coidados Porta a Porta da Xunta chega ao Val do Dubra para atender o benestar dos maiores
Case 22.000 persoas de todos os concellos galegos, agás das sete cidades, recibiron xa atención gratuíta en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a través desta iniciativa
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou esta mañá o impulso que a Xunta de Galicia está a dar aos coidados de proximidade dirixidos ás persoas maiores para que “vivan onde vivan poidan pasar esta etapa de acordo coas súas preferencias e necesidades”. Díxoo na visita á unidade móbil do programa de Coidados porta a porta que durante as xornadas de hoxe, a do luns e a do martes da vindeira semana estará estacionada no Campo da Feira desta localidade coruñesa.
Por medio de oito autobuses, a Consellería de Política Social e Xuventude facilita coidados médicos e de saúde en xeral preto dos fogares das persoas maiores, evitándolles desprazamentos fóra da súa contorna e posibilitando que poidan seguir vivindo alí onde prefiran. Este programa desenvolveuse por primeira vez de maneira piloto en 2019, cunha moi boa acollida entre os concellos e a veciñanza, de aí que este ano se recuperase e ampliase a todos os municipios .
Outros servizos
Ademais deste programa, o Executivo autonómico está a reforzar outros servizos para que os maiores que viven en concellos pequenos teñan as atencións que necesitan para seguir coas súas vidas nas súas contornas.
A este obxectivo responde o incremento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), co que se levan coidados profesionais aos domicilios dunhas 25.000 persoas; o deseño dunha nova estratexia de Teleasistencia, para aumentar nun 50% o número de maiores que contan con apoios tecnolóxicos nas súas vivendas ou as axudas para crear máis dun centenar de Casas do maior, pequenos centros para favorecer o envellecemento activo e saudable nos concellos de menos poboación.