Xunta e USC convocan por primeira vez unha praza de persoal docente en Medicina Familiar e Comunitaria vencellada a un centro de saúde

Nesta mesma convocatoria inclúese unha praza docente na especialidade de Medicina Interna
 

Así mesmo, o DOG tamén publica outra convocatoria de concurso de acceso a prazas vinculadas de corpos docentes universitarios, neste caso trátase de tres prazas nas especialidades de Otorrinolaringoloxía, Medicina Preventiva e Microbioloxía

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2022 O Diario Oficial de Galicia (DOG) acaba de publicar unha resolución conxunta entre o Servizo Galego de Saúde e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), pola que se convoca un concurso público para a provisión de dúas novas prazas de profesorado contratado doutor vinculadas ás institucións sanitarias.

 

Esta convocatoria, presenta como novidade que, por primeira vez, desde o ano 2023 os alumnos da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela contarán cun profesor contratado doutor na especialidade da Medicina Familiar e Comunitaria, e que estará vinculado a un centro de saúde de atención primaria. Nomeadamente ao centro de saúde Concepción Arenal, da capital galega.

 

Ademais, esta mesma publicación inclúe unha nova praza de profesor contratado doutor para a área de Medicina Interna, e que estará vencellado ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).

 

Por outra banda, o DOG tamén publicou na xornada de onte unha resolución conxunta entre o Servizo Galego de Saúde e a USC na que se convoca un novo concurso de acceso a prazas vinculadas de corpos docentes universitarios. Neste caso, tratase de tres prazas nas especialidades de: Otorrinolaringoloxía, Medicina Preventiva e Microbioloxía.

 

Potenciar a formación con novas prazas de profesor

Co obxectivo de mellorar a formación e estimular a vocación da especialidade de medicina familiar e comunitaria a Xunta de Galicia vén de impulsar, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, a creación de novas prazas de profesor asociado para a formación práctica dos alumnos de medicina e enfermaría en centros de saúde. Así, á praza de formación médica en centros de primaria que xa existía en Compostela, engadiranse outras tres (dúas de Medicina para centros de saúde de Vigo e A Coruña; e outra de Enfermería, no centro de saúde de Oroso).    

 

Estas medidas enmárcanse nunha estratexia a longo prazo para reverter en Galicia o déficit de especialistas en Medicina de familia existente en toda España. Así, o ano pasado a Xunta xa acordou coa Universidade de Santiago de Compostela un aumento do 10% nas prazas do grao de medicina e está a negociar un novo aumento dun 15% para o vindeiro curso. A inclusión de novo profesorado especialista en atención primaria busca potenciar o coñecemento deste nivel asistencial por parte do alumnado para incentivar a escolla desta especialidade na súa formación especializada.

 

Por outra banda, dentro das medidas a curto prazo iniciadas pola Xunta de Galicia na procura de conseguir o maior número de profesionais médicos posibles para o Servizo Galego de Saúde destaca o incremento en 65 da oferta de prazas formativas para que os médicos xa titulados poidan optar pola especialidade de medicina de familia en Galicia, o maior incremento de todas as comunidades autónomas na convocatoria MIR deste ano.

 

Ademais, a Xunta continúa a insistir, co apoio doutros seis gobernos autonómicos, na urxente necesidade de que o Goberno de España mude a normativa reguladora desta formación para permitir que máis centros de saúde galegos poidan acreditarse para formar aos especialistas en medicina de familia que o sistema necesita de xeito urxente.