O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita a libraría Couceiro de Santiago acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña

Román Rodríguez anima ás empresas a adherirse á nova campaña do Bono Cultura da Xunta

Mañá abre o prazo para que as entidades poidan sumarse a esta iniciativa que ofrecerá descontos do 50% na compra de libros, música en formato CD ou vinilo, entradas para museos, cines, concertos ou espectáculos escénicos, entre outras

Teñen un mes para inscribirse a través da web bonocultural.gal e, entre outros requisitos, deberán estar dados de alta nos grupos e epígrafes do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) indicados no DOG de hoxe

Os usuarios poderán descargar o bono a partir do 2 de novembro e usalo ata o 31 de decembro

“Tras a gran resposta do ano pasado, esperamos dinamizar o consumo cultural deste outono e axudar aos cidadáns no contexto actual de suba de prezos”, indica

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, animou hoxe ás empresas do sector cultural a adherirse á nova edición do Bono Cultura da Xunta, para o que o prazo estará aberto a partir de mañá sábado tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Nunha visita á libraría Couceiro de Santiago, unha das entidades participantes na edición anterior, o titular de Cultura da Xunta, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, salientou os bos resultados da campaña pasada cando “se conseguiu dinamizar as compras do outono cunha gran resposta de cidadáns e empresas na que constatamos o interese por gozar da cultura”, expresou en referencia  ás máis de 500 empresas e preto de 70.000 operacións.  “Este ano queremos axudar nun contexto económico de suba de prezos e tamén facilitar a incorporación do maior número de entidades posible mellorando algúns dos requisitos”, engadiu.

Salientou que se trata dunha medida aberta a todos os galegos maiores de idade para a que a Xunta destina 1 millón de euros coa intención de mobilizar 2 millóns de euros e que se beneficien 20.000 persoas. Os bonos terán un valor de 50 euros por usuario para gastar nos distintos establecementos que se adhiran na compra de produtos e servizos como libros, música gravada en CD ou vinilo, películas ou series en formato físico, salas de cine, concertos de música, espectáculos escénicos, entre outras. Terán un desconto do 50 % en cada compra ata esgotar o crédito.

Máis teito de gasto

A adhesión das empresas activarase mañá a través da páxina web bonocultura.gal e poderán formar parte as persoas físicas ou xurídicas que teñan como obxecto da súa actividade o de venda ao consumidor de produtos e bens culturais en Galicia, os centros ou locais públicos ou privados destinados á exhibición de produción cultural como salas de cine, teatros e auditorios, salas de concertos, salas de exposicións.... Tamén museos casas-museo ou asimilados tanto de titularidade pública como privada e asociacións, entidades e fundacións de carácter cultural, tanto públicas como privadas, que ofrezan produtos culturais. Deberán estar dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) recollidos na orde da convocatoria.

Como novidade, este ano amplíase o número de epígrafes e tamén o teito de gasto que cada establecemento pode ter ao abeiro desta campaña, ata os 30.000 euros.

No caso dos usuarios, a campaña comeza o 2 de novembro. A partir dese día poderá descargar o bono calquera persoa maior de idade que teña a súa residencia en Galicia e a descarga estará activa a partir desa data a través da web bonocultura.gal, onde se emitirá en formato dixital a través dun código QR. O importe de cada compra reducirase nun 50 % ata esgotar o saldo do bono. O período de validez dos bonos será ata o 31 de decembro.