A Xunta creará 24 prazas de funcionarios da Administración de Xustiza para os 3 novos xulgados que entrarán en funcionamento en 2023

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, participou na reunión da Comisión Mixta de Xustiza xunto co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde

A Coruña, 14 de outubro de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou hoxe durante a Comisión Mixta de Xustiza na que participou co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, que a Xunta creará 24 prazas de funcionarios de Administración de Xustiza para dotar do persoal necesario os tres novos xulgados que se porán en marcha o próximo ano na comunidade.

 

Trátase dos xulgados de Primeira Instancia nº6 de Lugo, nº15 da Coruña e nº16 de Vigo que o Ministerio de Xustiza incluirá no proxecto de real decreto de creación das unidades xudiciais correspondentes á programación de 2022. As tres unidades forman parte da proposta presentada en consenso pola Xunta e o TSXG nunha reunión anterior desta Comisión Mixta de Xustiza. Nesa relación presentada ao Executivo central tamén figuraban dous maxistrados da sección penal -un na Audiencia Provincial da Coruña e outro na de Pontevedra- que deben ser creadas polo Goberno central e que están pendentes de que se confirme se formarán parte da programación.  

 

A Xunta prioriza a creación de novos xulgados para aliviar a carga de traballo dos órganos con máis asuntos. Por iso, ante a petición dos xuíces para establecer o réxime de gardas de 24 horas nos partidos xudiciais da Coruña e Vigo, cómpre aclarar que o sistema de gardas 24 horas está previsto para partidos xudiciais de 10 ou máis xulgados de Instrución, mentres que nos que teñen 8 como é o caso da Coruña e Vigo funciona o sistema de gardas semanais. 

 

Plan de Infraestruturas Xudiciais

O vicepresidente segundo avanzou tamén hoxe no encontro, ao que asistiu xunto co director xeral de Xustiza, José Tronchoni, que o Goberno galego continuará avanzando no  Plan de Infraestruturas Xudiciais no que se levan investidos máis de 127 millóns de euros.

 

Ademais de avanzar no traslado dos órganos xudiciais da Cidade da Xustiza de Vigo e destinar 1,6 millóns de euros o próximo ano a obras menores de mellora das infraestruturas xudiciais, os orzamentos autonómicos de 2023 contan con outra partida de 6,3 millóns de euros destinada aos proxectos do novo edificio xudicial da Estrada e á nova sede propia do Instituto de Medicina Legal do Imelga en Santiago de Compostela.

 

Tamén se destinarán 560.000 euros á renovación e posta en marcha de salas de autopsias de bioseguridade nivel 3 nas distintas subdireccións do Imelga. A Administración autonómica tamén está a reforzar os equipos psicosociais das subdireccións Imelga co obxectivo de contribuír a unha xustiza máis áxil e eficiente e atender o aumento da demanda de informes psicosociais por parte dos xulgados derivados das últimas reformas normativas estatais en materia de lexislación civil e procesual.

 

O Imelga conta cun total de 17 profesionais da Psicoloxía e 17 de Traballo Social que conforman os 17 equipos sociais nas 7 subdireccións do instituto. Xa en 2017 a Xunta reforzara o cadro de persoal destes equipos con 14 novas prazas en 7 novos equipos co obxectivo de mellorar a atención das valoracións e elaboracións de informes requiridos polos xulgados. Coa mesma finalidade, o Goberno galego vén aplicando distintas medidas organizativas nos últimos meses.

 

En concreto, a realización de horas extraordinarias desde outubro con 23 persoas ou o incremento de dedicación dos equipos para esta tarefa. Ademais, estase a traballar para asinar un convenio de colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para a elaboración de informes psicolóxicos no ámbito de familia.

 

Salas de vistas dixitais

A modernización da Administración de Xustiza é outro dos obxectivos da Xunta neste eido. Xa se leva avanzado na implantación destas salas e continuarase no próximo ano. O proceso de dixitalización de sistemas do modelo avanzado de salas de vistas dixitais en todos os xulgados de Galicia porase en marcha en 2023. Deste xeito será posible funcionar de maneira integramente dixital mediante a exhibición do expediente dixital e a incorporación da gravación da vista ao expediente xudicial.

 

Na reunión acordouse levar a cabo cursos de formación presenciais e online dirixidos a funcionarios e letrados de Administración de Xustiza, xuíces e maxistrados e fiscais. Trátase de formación xenérica sobre sistemas procesuais e específica sobre novas tecnoloxías. Ademais, abordouse o uso de novas aplicacións tecnolóxicas que permitan avanzar na consolidación do Expediente Xudicial Electrónico, no incremento da dixitalización dos procedementos xudiciais dixitais e no emprego das novas tecnoloxías para acadar unha a xustiza sen papel, máis áxil e eficaz.

 

Plan de dixitalización e expurgo

 

Por outra banda, co obxectivo de desconxestionar os órganos xudiciais ao ter organizados mediante arquivos dixitais os depósitos documentais para facilitar, o Goberno galego destinará 1 millón de euros en 2023 no marco do Plan de Expurgación de Galicia. Esta contía contribuirá a catalogar 1,8 millóns de expedientes.

Imaxes relacionadas