A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe As Gándaras, no que se investirá o ano que vén 1,95 M€ para rematar a fase 3 e licitar as futuras ampliacións

A Xunta destinará 35,4 M€ ás políticas de solo industrial para impulsar a implantación e a expansión de empresas en Galicia

Ángeles Vázquez subliña o esforzo do seu departamento nesta materia, á que en 2023 dedicará un 3% máis de fondos que este ano e durante o cal manterá as bonificacións de ata o 50% no prezo de venda das parcelas que xestiona a Xunta

Asegura que os orzamentos do próximo ano consolidan a aposta do Goberno galego polo empresariado e as áreas industriais para asentar o futuro da Comunidade

Lugo, 14 de outubro de 2022

A Xunta de Galicia destinará o próximo ano un total de 35,4 millóns de euros ás políticas de solo industrial para impulsar a implantación de novas empresas nos parques industriais da Comunidade así como a expansión e crecemento das xa implantadas.

 

Durante unha visita ao polígono lucense das Gándaras, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asegurou que os orzamentos do seu departamento para 2023 manterán a aposta realizada nos últimos anos polas medidas e actuacións dirixidas a facilitar a implantación de empresas en Galicia, consciente do peso que ten sobre a economía garantir o dinamismo do seu tecido empresarial.

 

En concreto, avanzou que os 35,4 millóns de euros reservados a esta materia nos orzamentos de 2023 supoñen un incremento do 3% respecto dos fondos mobilizados este ano e permitirán manter a política de bonificacións sobre o prezo de venda de solo industrial nos parques xestionados pola empresa pública Xestur e polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

 

Así, destinaranse 7 millóns de euros a asumir os descontos dun 30% ou dun 50% —en función do municipio no que estea localizado o polígono— que desde o ano 2015 vén aplicando a Xunta nas operacións de compra venda de parcelas nos parques empresariais baixo a súa titularidade.

 

A modo de exemplo, a conselleira referiuse aos resultados desta política de bonificacións no parque empresarial das Gándaras, onde as empresas que mercaron solo nas fases 1 e 2 se beneficiaron de descontos por un importe global de 2,12 millóns de euros e no que as firmas interesadas en asentarse grazas ás ampliacións previstas (fase 3 e sucesivas) poderán seguir optando a este tipo de bonificacións.

 

Precisamente Ángeles Vázquez visitou hoxe os terreos da fase VII-A do polígono nos que Norvento —unha das firmas xa implantadas nas Gándaras— está valorando adquirir ao redor de 39.000 metros cadrados adicionais para ampliar as súas instalacións.

 

Ao respecto, a conselleira indicou que no caso concreto das Gándaras se investirán 1,95 millóns de euros o próximo ano, un orzamento destinado, principalmente, a completar a urbanización da fase 3 —xa en marcha e con finalización prevista para o primeiro trimestre de 2023— e á licitación das obras correspondentes ás novas fases IV, V e VII-A. En total, segundo lembrou, a Xunta leva investidos ou comprometidos 53 millóns de euros no desenvolvemento e mellora do polígono lucense.

 

Neste sentido, a responsable autonómica considerou que os orzamentos de 2023 consolidan a aposta do Goberno galego “polo empresariado galego” e, en concreto, por facilitar a implantación de novas firmas na Comunidade e o crecemento das xa localizadas nos parques xestionados pola Xunta, como unha vía eficaz para asentar o futuro da Comunidade a través da xeración de emprego e riqueza.

 

Unha filosofía, recordou, que tamén inspira a nova Lei de áreas empresariais de Galicia, aprobada no Parlamento “por ampla maioría” o pasado 27 de setembro, que entrará en vigor “en breve” e que supón unha norma pioneira a nivel estatal, coa que se busca axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación de solo industrial.

 

Máis de 28 M€ para mellorar e desenvolver áreas empresariais

Ademais dos 7 millóns reservados para bonificar futuras adxudicacións de solo, a Xunta dedicará o vindeiro ano 28,35 millóns de euros para, principalmente, mellorar e desenvolver diferentes áreas empresariais no conxunto da Comunidade.

 

Entre as partidas principais, cómpre destacar os 5,24 millóns de euros da fase C do polígono de Morás, en Arteixo; os 4,4 millóns para actuar no parque tecnolóxico de San Cibrao das Viñas, en Ourense; os 3,5 millóns previstos para o polígono ourensán de Xinzo de Limia; ou os 1,6 millóns destinados á Plataforma loxística industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), a maior bolsa de solo industrial do sur de Galicia.

Imaxes relacionadas