O conselleiro do Medio Rural participou na inauguración da VI Conferencia de Reais Academias e Academias de Ciencias Veterinarias de España na Cidade da Cultura

A Xunta desenvolve actualmente ata 14 programas sanitarios gandeiros oficiais cun investimento de 52 M€

José González celebrou a efectividade destes programas e agradeceu aos veterinarios o seu labor neste eido, así como o asesoramento e incentivo que prestan á participación na mellora do status sanitario das explotacións por parte dos gandeiros


Incidiu tamén en que os veterinarios non só coidan da saúde do gando, contribúen á calidade das producións e preservan a saúde pública, senón que, ademais, velan polos animais domésticos
 

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2022 A Xunta desenvolve actualmente ata 14 programas sanitarios gandeiros oficiais, cun investimento de preto de 52 millóns de euros. Así o destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na inauguración da VI Conferencia de Reais Academias e Academias de Ciencias Veterinarias de España, que se desenvolve na Cidade da Cultura.

 

Neste acto, o conselleiro engadiu que moitos destes programas “aportan resultados que amosan a súa total efectividade”. Citou, nese sentido, o caso dos destinados a erradicar doenzas como a tuberculose bovina ou a brucelose ovina, caprina e bovina. Un éxito que González puxo en relación co traballo dos profesionais veterinarios. Así, agradeceu o seu papel fundamental na sanidade animal, non só a través da execución destes programas, senón tamén polo asesoramento e incentivo á participación na mellora do status sanitario das explotacións por parte dos seus titulares.

 

O conselleiro tamén salientou o labor deste colectivo para garantir a calidade que distingue a Galicia “como destino, como produtores e como comunidade”. Calidade “en saúde”, engadiu, “en atención e en filosofía profesional, que deriva en toda a calidade do sector primario”. José González incidiu tamén en que os veterinarios non só coidan da saúde do gando, contribúen á calidade das producións e preservan a saúde pública, senón que, ademais, velan polos animais domésticos, que representan unha parte fundamental da vida das persoas. Nesta liña, destacou que en Galicia contamos mesmo cunha raza propia, como é o can de palleiro.

 

Como conclusión, durante a súa intervención neste foro académico o titular de Medio Rural definiu a profesión veterinaria como “parte necesaria e transcendental das nosas vidas”, na medida en que contribúe a mellorar “toda a nosa contorna”, segundo remarcou José González.

Imaxes relacionadas