Xunta e Concello de Soutomaior asinan o convenio que permitirá a construción dun novo centro de saúde que triplicará a superficie do actual

O novo centro de saúde contará cunha área materno-infantil con sala de espera diferenciada e posibilitará a incorporación de novo persoal médico e de enfermaría

A Xunta incrementará en 3,8 millóns, ata os 65, o seu investimento en formación sanitaria especializada nos Orzamentos para 2023

Co inicio deste proceso, a Xunta ten en marcha xa os trámites para a construción de todos os centros de saúde contemplados na fase 0 do seu Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria

Soutomaior (Pontevedra), 14 de outubro de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde do Concello de Soutomaior, Agustín Reguera Ocampo, asinaron esta mañá o convenio de colaboración que regulará a construción dun novo centro de saúde para este municipio pontevedrés que triplicará a superficie do actual.

Durante o acto de sinatura, no que tamén estivo presente o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias, o conselleiro de Sanidade agradeceu ao alcalde Agustín Reguera as facilidades e axilidade nos trámites, o que permitirá acelerar o proceso e encomendarlle á Axencia Galega de Infraestruturas a licitación da redacción do proxecto arquitectónico e da obra do novo centro.

Julio García Comesaña destacou que a nova infraestrutura será un inmoble moderno, fronte as instalacións de máis de 31 anos que se están utilizando neste momento; e que a superficie do futuro centro – un total de 1.500m2-, supón triplicar a superficie do actual en Arcade – que ascende a 480 m2-.

O conselleiro de Sanidade explicou que estas características van mellorar a organización asistencial, xa que van permitir contar cunha sala de técnicas que permita deixar aos pacientes en observación despois de aplicarlles un tratamento. O novo centro de saúde contará tamén cunha sala polivalente que poderá actuar como sala de urxencias.

Nova consulta de medicina de familia e enfermaría

Así mesmo, García Comesaña anunciou que esta nova infraestrutura sanitaria vai permitir incorporar unha consulta máis de medicina de familia e outra enfermaría, unha ampliación de plantilla recomendada polo número de pacientes por profesional que ten o centro.

“Outra carencia que imos solucionar é das instalacións da área materno-infantil. A falta de espazo actual impide ter unha sala de espera propia. O novo centro terá ese espazo diferenciado para pediatría e ademais permitirá ampliar a sala de educación sanitaria da matrona”, salientou o titular da sanidade galega, quen insistiu na importancia das melloras para dar un servizo de calidade aos mais de 5.600 veciños que vai a atender este centro de saúde e para os arredor de 15 profesionais que van prestar servizo neste novo centro e que merecen a mellor contorna de traballo posible”.

O conselleiro lembrou que Galicia vén de impulsar unha lexislación pioneira para poder ofertar prazas fixas sen oposición a quen cubra determinados centros con carencias. “Ademáis - insistiu - a comunidade fai este ano un gran esforzo creando 65 novas prazas formativas máis en medicina de familia e 6 máis en enfermaría especialista en familia”. En total, a partida nos Orzamentos da Xunta de 2023 para financiar a formación sanitaria especializada vai aumentar en 3,8 millóns de euros, ata superar os 65 millóns

O titular do departamento sanitario da Xunta tamén salientou que o Executivo galego incrementará nun 25% a partida dos Orzamentos do ano 2023 destinada a construción e reforma dos centros de atención Primaria. Así, este investimento superará, o vindeiro ano, os 40 millóns euros.

En marcha toda a fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria

Con este convenio co Concello de Soutomaior, a Xunta xa ten en marcha as dez actuacións que figuran na fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, o que vai permitir seguir avanzando nas fases 1 e 2 naqueles concellos que cumpran cos seus compromisos de achegar parcelas.

Neste sentido, nos Orzamentos de 2023 haberá fondos para as obras do novo centro integral de Saúde de Vigo e do novo centro de saúde de Moaña, xa licitadas; para o inicio das obras dos centros de saúde de Abegondo e Antas de Ulla e a reforma do centro de saúde de Conxo en Santiago, xa cos proxectos rematados. Tamén, se inclúe orzamento para a finalización dos proxectos xa adxudicados e a licitación das obras no caso do CIS de Ourense ou dos centros de saúde de A Rúa ou de Vilagarcía; e para a licitación dos proxectos desde novo centro en Soutomaior e do centro de Santa Lucía, na Coruña, que debe licitar o concello.

Soutomaior únese así a unha longa lista de investimentos sanitarios da Xunta na provincia de Pontevedra, que inclúen 13 centros novos e 9 reformas, aos que en 2023 se unirán o novo CIS de Lalín e a ampliación do centro de saúde do Porriño; e 9 convenios asinados cos concellos para facer actuacións en centros de saúde de titularidade municipal.

Imaxes relacionadas