A Xunta inicia as obras de execución dunha cuneta transitable para reforzar a seguridade viaria na estrada AC-550 en Louro, no Concello de Muros

A s obras, cun investimento de preto de 40.000 €, céntranse na cuneta non revestida da marxe esquerda, que nos últimos anos sufriu perdas de material debido á auga que circula por ela


Os traballos comezaron pola roza e a escavación do terreo, continuarán co recheo e rematarán coa execución da cuneta en formigón cun ancho medio de 3 metros


A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e eficientes aos cidadáns
 

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou as obras de execución dunha cuneta transitable para mellorar a seguridade viaria na estrada AC-550, ao seu paso pola parroquia de Louro, no concello de Muros.

 

Os traballos, cun investimento de preto de 40.000 euros, teñen como obxectivo incrementar a seguridade viaria nesta zona do municipio e evitar infiltracións de auga na estrada, para o que se executa unha cuneta en formigón.

 

Con esta intervención na estrada AC-550, ao paso por Louro, actúase na cuneta non revestida da marxe esquerda, que nos últimos anos sufriu perdas de material debido á auga que circula por ela.

 

O tramo de actuación comprende a marxe esquerda da estrada, entre os puntos quilométricos 37+210 e 37+380.

 

As obras comezaron pola roza e a escavación do terreo, continuarán co recheo e rematarán coa execución da cuneta en formigón, cun ancho medio de 3 metros.

 

Tamén se disporá unha canalización soterrada para a drenaxe lonxitudinal e ampliarase a taxea existente.

 

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e eficientes aos cidadáns.

 

Imaxes relacionadas