A Xunta achega 271.000 euros ao concello de Abadín para adquirir maquinaria de prevención de lumes e mellorar accesos

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental deste ano financiouse a compra dunha motoniveladora e o acondicionamento de vías locais en Candia e Seivane de Vilarente

Abadín (Lugo), 14 de outubro de 2022

A Xunta de Galicia colabora co Concello de Abadín na adquisición dunha motoniveladora e o acondicionamento de accesos nas parroquias de Candia e Seivane de Vilarente.


O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, acompañado do alcalde, José María López Rancaño, comprobou a nova maquinaria, que acaba de ser recibida polaentidade local. Arias explicou que ambas actuacións reciben 271.000 euros da Administración autonómica con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental (FCA) deste ano.


Este equipamento destinarase á realización de tarefas de prevención de incendios e inundacións en todo o termo de Abadín, que conta cunha extensa rede de camiños e pistas”, apuntou Arias. Subliñou que isto axudará a mellorar a xestión medioambiental no municipio.


Outra das actuacións financiadas nesta convocatoria do FCA será a recuperación de vías locais das parroquias de Candia e Seivane de Vilarente. Ademais de renovar os pavimentos, tamén se acomete a limpeza de cunetas para facilitar a circulación das augas de escorrentía.


A través do Fondo de Compensación Ambiental, a Xunta colabora cos concellos galegos na posta en marcha de proxectos destinados a evitar a degradación ambiental, na contratación de persoal e na adquisición de vehículos e maquinaria para a protección do medio ambiente, ademais de mellorar redes de servizos públicos como abastecemento ou saneamento, entre outras.

Imaxes relacionadas