Román Rodríguez subliña que a Academia Xacobea “poderá ampliar os seus horizontes e a súa proxección” desde a súa nova sede na Cidade da Cultura

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destaca o labor investigador da Academia Xacobea, arredor do Camiño de Santiago como fenómeno espiritual, cultural e identitario. Así o sinalou esta tarde con motivo da inauguración da nova sede deste órgano na Cidade da Cultura de Galicia, nun acto no que estivo presente o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou.

 

A Academia Xacobea ten como obxectivo promocionar o Camiño de Santiago e difundir os seus valores en todos os ámbitos. Así pois, en palabras do titular de Cultura da Xunta de Galicia, desde a súa nova sede, a institución vai “poder ampliar os seus horizontes e a súa proxección” para seguir afondando nas liñas de investigación abertas sobre o Xacobeo e emprender máis estudos sobre a súa fenomenoloxía e a súa identidade.