A rehabilitación da casa reitoral de Xinzo de Limia permitirá dotala de usos culturais co apoio da Xunta

O director xeral de Cultura participa na inauguración desta infraestrutura cuxa mellora contou cun investimento de 150.000 euros por parte do Goberno autonómico

Xinzo de Limia (Ourense), 13 de outubro de 2022

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da Casa Reitoral de Xinzo de Limia, que vén de ser restaurada para ser empregada para usos parroquiais, culturais e sociais grazas a un convenio entre a Xunta de Galicia, a Diócese de Ourense, a Deputación Provincial e o Concello.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou o “alto interese” das actuacións para a veciñanza que permitiron recuperar un elemento patrimonial destacado e manter os seus usos “abríndose aos veciños e institucións”. Neste sentido, recordou a aposta da Xunta de Galicia por apoiar este tipo de intervencións no marco do seu traballo pola recuperación patrimonial de Galicia. Neste caso, contouse cun investimento de 150.000 euros.

 

Os traballos de rehabilitación permitiron transformala en tres novas vivendas que empregarán os párrocos da unidade pastoral de Xinzo de Limia e nunha serie de locais para uso dos veciños e outras institucións. Esta casa reitoral é un edificio que forma parte do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e xunto coa igrexa parroquial conforma un singular conxunto no centro máis antigo da vila de Xinzo. A intervención respectou os elementos máis senlleiros que caracterizan o valor cultural do inmoble.