Fernández-Tapias destaca a “capacidade organizativa” do Náutico de Vigo para converter a Semana do Atlántico na “proba de referencia para a canteira” galega da vela

A delegada da Xunta en Vigo participou este xoves na presentación do XXIII Semana do Atlántico Cidade de Vigo – Trofeo Martín Barreiro

Vigo, 13 de outubro de 2022

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este xoves na presentación da XXIII Semana do Atlántico – Trofeo Martín Barreiro que organiza o Real Club Náutico de Vigo. A representante autonómica destacou a “capacidade organizativa” da entidade viguesa ante unha proba que reúne a preto de 400 deportistas de todo o mundo.

 

“Este Trofeo Martín Barreiro leva disputándose nas nosas augas nada menos que 47 anos, o que significa que serviu como canteira para miles de mozos vigueses, algúns dos cales están a día de hoxe entre os mellores regatistas do mundo”, destacou Fernández-Tapias durante a súa intervención no salón nobre do Náutico.

 

A Semana do Atlántico disputarase en tres fins de semana consecutivas no mes de outubro e novembro con preto de 400 participantes, polo que contribúe a desestacionalizar a oferta deportiva do verán e resulta unha importante aposta polo turismo deportivo durante todo o ano.

 

No primeiro ciclo, do 15 e 16 de outubro, terá lugar a clasificatoria para ILCA (antes clase Láser). No segundo ciclo, do 22 e 23 de outubro celebrarse as probas autonómicas de Vaurien, 420 e Snipe. E por último, do 29 de outubro ao 1 de novembro terá lugar o Meeting Internacional da clase Optimist, valedeiro para a Excellence Cup.

Imaxes relacionadas