A Estratexia galega de convivencia escolar 2025, dotada con 5,5 M€, inclúe un plan integral contra o acoso e o ciberacoso
O vicepresidente primeiro resalta que o obxectivo é “avanzar cara a unha educación inclusiva, equitativa e de calidade”
O documento, aprobado no Consello da Xunta de hoxe, vertébrase en catro eixes e nove liñas de impacto con accións coordinadas dirixidas a alumnado, profesorado, centros educativos e familias
Esta folla de ruta supón un cambio de paradigma na xestión da convivencia, incidindo no desenvolvemento integral do alumnado, na prevención, na innovación, na coeducación e na educación emocional
O documento final é o resultado dun proceso de diálogo e intercambio coa comunidade educativa a través do Consello Galego de Convivencia
Conde anuncia a posta en marcha de comisións provinciais de benestar e convivencia coa participación de profesionais dos ámbitos educativo, sanitario e social, entre outros
Promóvese o respecto no eido dixital con accións específicas como a guía Interacciona na era dixital ou o Programa de pensamento crítico na aula
O Goberno galego leva máis dunha década afianzando a construción dun bo clima nas aulas a través de normativa e actuacións específicas que converten Galicia nun claro exemplo de boas prácticas neste eido
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, anunciou hoxe que o Consello da Xunta aprobou na súa reunión anual a Estratexia galega de convivencia escolar, Educonvives 2025, dotada con 5,5 M€. “O obxectivo é seguir mellorando a convivencia nas aulas galegas e avanzar cara a unha educación inclusiva, equitativa e de calidade”, indicou.
Así pois, a execución desta estratexia supón un cambio de paradigma na xestión da convivencia, incidindo no desenvolvemento integral do alumnado, na prevención, na innovación, na coeducación e na educación emocional.
Para a posta en marcha do conxunto de accións recollidas na estratexia, a Xunta de Galicia prevé un investimento estimado de 5,5 M€ para o período ata 2025, dos cales a partida máis destacada –preto de 2,9 M€– é para o desenvolvemento dos contratos programa, seguido de 1,18 M€ para a formación do profesorado neste ámbito. Así mesmo, case 800.000 € se destinan ao deseño de recursos e publicacións que sirvan de ferramentas de traballo, e o resto do orzamento é para o deseño e elaboración de protocolos e para premios que visualicen as boas prácticas a prol da convivencia.
Plan integral contra o acoso
No eixe de convivencia positiva, entre as accións destacables inclúese a elaboración dun Plan integral contra o acoso escolar e o ciberacoso en Galicia, coa finalidade de previr, detectar e combater todas aquelas situacións deste tipo.
Cidadanía dixital responsable
Este eixe está concibido para promover o respecto e a responsabilidade no uso das tecnoloxías e que as contornas dixitais sexan axudas e pontes para a prevención e resolución de conflitos en lugar de catalizadores deles, máxime cando este tipo de conflitos adoitan exceder o tempo e o espazo escolar.
Comisións provinciais de seguimento de benestar e da convivencia
O terceiro eixe abrangue un conxunto de actuacións para a mellora do benestar emocional. “Vaise desenvolver un Plan de benestar emocional e crearanse comisións provinciais e autonómicas de seguimento de benestar e da convivencia nos centros educativos”, indicou Conde. Estas comisións terán un carácter multidisciplinar e transversal, para o cal se conta con profesionais dos ámbitos educativo, sanitario e social, entre outros.
Así mesmo, inclúense a revisión e actualización do Protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil, que acaba de presentarse.
Perspectiva de xénero
Neste eixe, a estratexia recolle un Plan de coeducación, que abrangue a análise de datos estatísticos con perspectiva de xénero para identificar como afectan as situacións de violencia en función do sexo.
Así mesmo, reforzaranse os sistemas de detección da violencia de xénero sobre a poboación escolar e melloraranse os sistemas de resposta educativa ante a diversidade afectivo-sexual e a identidade de xénero.
Formación docente e diagnose da convivencia
A maiores dos catro eixes sinalados, e cunha abordaxe transversal, a estratexia inclúe dúas liñas específicas, unha vinculada á formación docente en convivencia, coeducación e educación emocional, e outra de diagnóstico e seguimento da convivencia escolar.
No que atinxe á diagnose, levarase a cabo a IV Enquisa de convivencia escolar, mantendo a rastrexabilidade e a consistencia dos anteriores cuestionarios, que inclúe tamén o informe de diagnose e os informes individualizados para os centros de xeito que, con base nesa información, poidan establecer os correspondentes plans de mellora.
Mellora continua
A Estratexia galega para a convivencia escolar 2025 dá resposta ao compromiso da Xunta co coidado e a mellora continua do bo clima nas aulas, polo que leva apostando desde hai máis dunha década con normativas e accións específicas que converten Galicia nun claro exemplo de boas prácticas neste eido, como reflicte o último informe PISA, que sitúa o alumnado galego nos primeiros postos en tolerancia e respecto a outras culturas, por riba da media de España e do conxunto dos países da OCDE.
Así mesmo, hoxe en día o 100 % dos centros educativos galegos de escolarización obrigatoria contan cun plan de convivencia e cunha comisión de convivencia no marco do seu proxecto educativo e, ao abeiro dos plans anuais de formación do profesorado, desenvólvese un amplo programa formativo do profesorado, que abarca desde a formación en centros ata cursos de especialización, ademais do módulo específico de inclusión, convivencia e igualdade, que desde a súa entrada en vigor certificou preto do 80 % do profesorado, máis de 1.000 actividades formativas a través das escolas de nais e pais e máis de 4.500 proxectos centrados en igualdade de xénero a través dos plans Proxecta.