O conselleiro do Medio Rural visitou este mediodía a empresa Xilonor, situada no concello coruñés de Coirós e dedicada á produción de madeira contralaminada

A Xunta inviste 2,6 M€ nunhas novas axudas para impulsar a madeira como elemento estrutural na construción

José González, que estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Industria Forestal e polo delegado da Xunta na Coruña, reafirmou o compromiso do Goberno galego con este sector, no marco da Axenda de impulso da industria forestal-madeira

Esta convocatoria, que publica hoxe o DOG, ten un carácter de concorrencia non competitiva, polo que se irán concedendo aquelas solicitudes presentadas de forma admisible ata o esgotamento do crédito

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto dende mañá venres ata o vindeiro 15 de novembro ou ata a finalización dos fondos asignados, no caso de que se produza con anterioridade a esa data

A intensidade da subvención sitúase no 70 %, pero pode mesmo chegar ata o 90 % no caso de usar madeira de montes galegos xestionada de forma sustentable e se se dispón da marca de garantía “Pino de Galicia”

Coirós (A Coruña), 13 de outubro de 2022

A Xunta inviste 2,6 millóns de euros nunha convocatoria dunha nova liña de axudas destinada ao impulso da madeira como elemento estrutural na construción. Así o anunciou esta mañá o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa visita a Xilonor, empresa situada no concello coruñés de Coirós, e na que estivo acompañado por polo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e polo delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, así como por responsables da planta, dedicada á produción de madeira contralaminada.

 

Esta convocatoria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, ten un carácter de concorrencia non competitiva, polo que se irán concedendo aquelas solicitudes presentadas de forma admisible ata o esgotamento do crédito. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto dende mañá venres ata o vindeiro 15 de novembro, ou ata a finalización dos fondos asignados, no caso de que se produza con anterioridade a esa data. Estas subvencións teñen como principais obxectivos loitar contra o cambio climático, fomentar a prevención e xestión forestal sustentable e activa do territorio galego, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar a aquelas persoas que vaian habitar edificacións construídas en madeira.

 

Axenda da industria forestal

Neste acto, o conselleiro explicou que estas axudas, que se enmarcan dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, van destinadas tanto a pequenas e medianas empresas (pemes), incluídas as persoas autónomas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, como a persoas físicas. Sinalou que serán subvencionables tanto a redacción de proxectos como a utilización de produtos de madeira en construción nova, rehabilitación ou reforma de edificacións, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais, sempre que, cando menos, o 20 % do orzamento de execución material do proxecto corresponda a produtos de madeira ou derivados da madeira (incluída a súa colocación).

 

Estes serán utilizados cunha finalidade estrutural ou como sistemas de compartimentación, envolvente ou acabados. Exclúese para este cómputo o uso da madeira nas carpintarías, pavimentos e acabados interiores. Ademais, no caso de pemes, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, públicas ou privadas, a edificación proxectada deberá estar destinada a un uso industrial (incluídos os vinculados á transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais), comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario asistencial, educativo, cultural ou deportivo. No caso de que os solicitantes sexan persoas físicas o uso será residencial unifamiliar. Así mesmo, José González destacou que a intensidade da subvención sitúase no 70 %, pero pode incrementarse nun 10 % no caso de utilizar madeira de montes galegos xestionada de forma sustentable (con certificación PEFC ou FSC) e outro 10 % se se dispón da marca de garantía “Pino de Galicia”, co que a axuda pode mesmo acadar o 90 %.

 

Isto significa, indicou o conselleiro, que a Xunta aposta claramente pola madeira e en particular pola madeira galega de calidade e engadiu que o Goberno galego “pode e debe xogar un efecto tractor no uso da madeira na promoción privada”. Nesta liña, González lembrou que este eido produtivo é clave na posta en valor do monte galego e tamén para afrontar retos como o cambio climático ou o impulso a unha economía neutra en carbono.

 

Dixitalización e innovación

Dentro deste compromiso coa industria forestal-madeira, o conselleiro salientou ademais as axudas recentemente convocadas para fomentar a dixitalización e a innovación das pequenas e medianas industrias do sector, así como das súas organizacións. Estas achegas teñen un orzamento de 2,5 millóns de euros, polo que, sumadas ás que hoxe publica o DOG, supoñen un esforzo investidor que supera os cinco millóns de euros, a executar neste ano e no próximo, tal como resaltou o conselleiro.

 

Ao tempo, José González puxo en valor empresas como Xilonor, que -dixo- apostan pola madeira contralaminada como eixo central da súa actividade e que teñen na calidade un referente de toda a súa actuación. A maiores, o conselleiro remarcou que Xilonor conta hoxe en día cunha plantilla de 25 traballadores e que, segundo os seus promotores, está a traballar para ser un referente na península ibérica na fabricación de madeira contralaminada, cun investimento que rolda os 15 millóns de euros.

 

Enlace á resolución da convocatoria de axudas no DOG:

 

Imaxes relacionadas