A Cidade de Xustiza de Vigo finaliza a súa equipación informática para a “inminente” posta en marcha

A delegada territorial da Xunta en Vigo visitou as novas salas de vistas xunto aos xuíces, letrados dos xulgados e colexios profesionais
 

“Xa temos todo listo e equipado para iniciar o traslado dos xulgados do Contencioso-Administrativo”, sinalou Marta Fernández-Tapias

Vigo, 13 de outubro de 2022

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, pasou revista este xoves á nova Cidade da Xustiza xunto aos xuíces, letrados do xulgado e colexios profesionais. Durante a visita, a representante autonómica mostrou as novas equipacións xa instaladas en las salas de vistas para a “inminente” posta en marcha das novas infraestruturas xudiciais.

 

“Xa temos todo listo e equipado para iniciar o traslado dos xulgados do Contencioso-Administrativo, que serán os primeiros porque comparten sala de vistas”, sinalou Fernández-Taias. Tras estes dous xulgados, o seguinte será o Mercantil, que ocupará a última planta e que ten sala de vistas exclusiva.

 

Ademais, durante o percorrido deste xoves, tamén houbo unha visita ao edifico anexo da Cidade da Xustiza onde estarán situados o decanato e os colexios profesionais. A delegada territorial informou de que nos vindeiros días vanse desenvolver as últimas xuntanzas de coordinación para a apertura das instalacións.

 

Unha vez iniciado o pasado 26 de setembro o traslado do arquivo, o ritmo de traslado á nova sede acordarase coas autoridades xudiciais e fiscais, fixando que se instalen dous órganos xudiciais cada semana. Desta forma, os criterios para os traslado irán en función das unidades con menos público e que compartan sala de vistas. En primeiro lugar, entrarían na Cidade da Xustiza o os dous Contencioso-Administrativo xunto a Primeira Instancia 4 e reforzo de Primeira Instancia. A continuación, Social 6 e Instancia 5, e Mercantil e Penal 1. Previamente, procederase a trasladar os arquivos rodantes.

 

Así, a actividade xudicial verase minimamente afectada e non haberá que suspender os xuízos xa programados. A este ritmo estímase que o traslado se completará nun período de 28 semanas (6,5 meses). “Estamos ante o mellor edificio da Administración de Xustiza en España, un inmoble que xa é a envexa de todo o territorio nacional e que sen dúbida é o máis importante de Galicia”, sinalou Fernández-Tapias.

 

Investimento de 42 millóns

A nova infraestrutura, que acollerá 38 unidades xudiciais, trátase da obra xudicial máis importante da historia da comunidade na que a Xunta investiu máis de 42 millóns de euros e coa que está a piques de culminar o Plan de Infraestruturas Xudiciais, dotado con máis de 125 millóns.

 

Unha vez posta en marcha, a Cidade da Xustiza unificará nun só edificio os órganos xudiciais da cidade, ao acoller nos seus 44.000 metros cadrados as unidades xudiciais xunto coa Fiscalía de Área, as 2 seccións da Audiencia Provincial e a subdirección do Instituto de Medicina Legal (Imelga).

 

En total, trasladaranse máis de 500 traballadores da Administración de Xustiza, que terán á súa disposición unha escola infantil de 41 prazas para facilitar a súa conciliación laboral e familiar.

Imaxes relacionadas