A Xunta convida aos centros educativos a participar nas actividades didácticas deseñadas polo Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

Estas iniciativas, que comezarán a finais de outubro e se prolongarán ata finais de abril de 2023, poden desenvolverse tanto nos colexios como no Centro de Visitantes

O Goberno galego convida aos centros que realicen proxectos relacionados coas illas Atlánticas, cos espazos protexidos ou co mar a trasladarlle esas iniciativas ao Parque para estudiar posibles fórmulas de colaboración que poidan enriquecelos

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2022 A Xunta de Galicia convida aos centros educativos a participar nas actividades didácticas deseñadas polo Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia co obxectivo de achegar os seus valores naturais, paisaxísticos e culturais ao público escolar.

As iniciativas propostas polo Parque, que comezarán a finais deste mes de outubro e se prolongarán ata finais de abril de 2023, poden desenvolverse tanto nos centros educativos, aos que se desprazarían os guías, como no Centro de Visitantes, a onde se achegarían os estudantes para realizar diversas actividades.

Así, no caso das actividades a realizar nos centros, os grupos serían dun máximo de 25 alumnos (ou o número permitido por aula) e abarcarían desde 4º de educación infantil ata 6º de primaria. A iniciativa podería desenvolverse ou na aula ou naqueles espazos que dispoñan dos recursos necesarios para a súa realización ¾proxector, pantalla e cable extensible¾.

Se o centro opta porque o alumnado se desprace ao Centro de Visitantes, o número máximo de estudantes por sesión será de 50 e está destinado a alumnado que curse desde 4º de Infantil a 6º de Primaria.

A maiores, a Xunta tamén convida aos centros escolares que estean a realizar proxectos educativos relacionados coas illas Atlánticas, cos espazos naturais protexidos ou co mar a trasladarlle esas iniciativas ao Parque para estudiar posibles fórmulas de colaboración como charlas, rutas ou outras actividades que poidan enriquecelos.

Nun principio, a oferta educativa está dirixida aos centros dos concellos da área de influencia do parque ¾Vigo, Bueu, Vilagarcía de Arousa e Ribeira¾ e a aqueles cos principais portos de saída regular cara ás illas ¾Baiona, Cangas, Sanxenxo e O Grove¾. A continuación, desenvolveranse actividades para alumnado de educación secundaria, formación profesional e universidades.

Cómpre lembrar que desde 2005, ano no que se puxeron en marcha por primeira vez estas actividades, participaron neste programa didáctico 38.000 nenos e nenas.