O Programa galego de Detección Precoz do Cancro de Mama recibe o premio anual da Asociación de persoas afectadas por esta enfermidade (ADICAM)

Este programa, que leva a cabo a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, permitiu diminuír a mortalidade entre as mulleres participantes nun 20%

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2022

ADICAM, Asociación de persoas afectadas de cancro de mama, vén de entregar o seu premio anual ao Programa galego de Detección Precoz do Cancro de Mama que leva a cabo a Consellería de Sanidade. Sinalar ao respecto, que a Dirección Xeral de Saúde Pública do departamento que dirixe Julio García Comesaña, deseña e fai o seguimento do Programa, e as Xefaturas Territoriais de Sanidade facilitan o seu desenvolvemento.

 

O premio foi recollido de xeito conxunto por Natalia Botana, Xefa Territorial de Sanidade en Pontevedra, e Silvia Suárez, subdirectora xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables da Dirección Xeral de Saúde Pública.

 

Importancia da prevención

O cancro de mama é a enfermidade tumoral máis frecuente e a primeira causa de morte por cancro en mulleres europeas. A prevención secundaria no ámbito do cancro de mama é fundamental, posto que permite detectar a enfermidade nas súas etapas iniciais e, por tanto, mellorar os prognósticos das pacientes así como diminuír a taxa de mortalidade.

 

Dende 1992, hai xa 30 anos, a Dirección Xeral de Saúde Pública realizou case tres millóns de exploracións de mama por medio de mamografías de control. Isto permitiu diagnosticar máis de 10.000 cancros en pacientes remitidas aos servizos especializados. Dende ese ano, as mulleres galegas de entre 50 e 64 anos, e dende 2009 as de 50 a 69, teñen a posibilidade de realizarse mamografías de control cada dous anos.

 

Un dos indicadores principais de resultados é a participación, no período 1992-2020 realizáronse 2.840.916 exploracións. A participación global obtida foi de case o 80%. O obxectivo de participación aceptable establecido polas “Guías Europeas de Garantía de Calidade en Cribado e Diagnóstico Mamográfico” é do 70%, acadado polo Programa en todo o período, e o obxectivo desexable é do 75%, conseguido polo programa a partires do ano 2006 de maneira continuada.

 

O impacto que esto tivo é enorme, xa que permitiu diminuír a mortalidade entre as mulleres participantes nun 20%.

Imaxes relacionadas