A Xunta promove a formación en igualdade laboral nas entidades do sector da discapacidade

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou un convenio coa Asociación Empresarial para a Discapacidade Intelectual e do Desenvolvemento en Galicia (Aedigal) para cualificar o persoal das entidades

Os cursos celebraranse de xeito telemático a partir do próximo 26 de outubro e abordarán temáticas como a non discriminación nos procesos de traballo na atención ás persoas con algún tipo de discapacidade

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2022

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, vén de asinar un convenio co presidente da Asociación Empresarial para a Discapacidade Intelectual e do Desenvolvemento en Galicia (Aedigal), Eladio Fernández, para formar, no eido da igualdade laboral, o persoal das entidades que traballan na atención ás persoas con discapacidade.

O convenio nace do compromiso da Xunta de promover unha visión social de xénero desde a perspectiva da discapacidade no eido laboral. Deste xeito proponse unha oferta formativa que atende á vulnerabilidade do colectivo e que avoga pola preparación do persoal do sector desde o principio de igualdade, a responsabilidade individual, a orientación en igualdade e a perspectiva de xénero.

Os cursos, que se artellarán a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais, impartiranse en modalidade telemática a través da plataforma da Xunta, que disporá os medios técnicos e personais necesarios para a súa impartición. Aedigal, pola súa banda, colaborará no deseño dos contidos e a captación de traballadoras e traballarores para a participación nestas accións.

O convenio non contempla asignación orzamentaria nin transferencia de fondos algunha e iniciará as accións formativas o próximo 26 de outubro.

A través deste tipo de iniciativas o Goberno galego pretende combater as barreiras e a discriminación múltiple que enfrontan as persoas con discapacidade, e máis en concreto as que a padecen no eido intelectual. Trátase de facilitarlles o camiño para a súa participación plena e efeiva na sociedade, en condicións de igualdade social e laboral.

Imaxes relacionadas