O órgano adscrito o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico tamén lle deu hoxe o seu visto e prace ao Plan de xestión do risco de inundación da Xunta para os vindeiros 6 anos, sendo o primeiro que se aproba no conxunto das demarcacións de España

O Consello Nacional da Auga aproba o Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa que establece 212 medidas e un investimento de 1.885 M€ ata o ano 2027 para a mellora da calidade das augas

Galicia, xunto con Baleares, son as primeiras comunidades que contan coa aprobación dos seus plans hidrolóxicos para os vindeiros seis anos, que agora deberán ser ratificados polo Consello de Ministros mediante real decreto

O Goberno galego foi pioneiro en dispor do seu plan de conca con avaliación ambiental estratéxica, informado favorablemente no Consello da Xunta do pasado día 19 de maio

O novo Plan confórmase en torno a un total de 212 medidas dirixidas a afondar na mellora da calidade das augas, nun contexto marcado polo cambio climático, e incorpora novidades normativas na procura do uso máis eficiente da auga

O maior peso deste investimento destinarase ao saneamento e á depuración, que absorberán 973 M€, sendo igualmente moi relevante o dirixido ao abastecemento, con máis de 560 M€

Galicia eríxese tamén en comunidade de referencia coa aprobación do Plan de xestión de risco de inundación, como ferramenta destinada a minorar o risco e os efectos das inundacións, con especial atención ás 170 áreas de risco potencial significativo

Este plan identifica zonas onde incrementa a influencia do cambio climático, como as subbacías dos ríos Ulla, Tambre, Mandeo, Eume, Lérez, Verdugo, Anllóns e a ría de Arousa

O orzamento global recollido no Plan de inundacións increméntanse notablemente con respecto ao do anterior ciclo, achegando a Xunta máis de 56 M€ dos case 110 M€ previstos

O programa inclúe 52 medidas e 74 actuacións específicas para reducir riscos, que deben desenvolver as administracións con competencias municipais, autonómica e estatal
 

Madrid, 10 de outubro de 2022.-

O Consello Nacional da Auga aprobou hoxe o novo Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa 2021-2027, que recolle 212 medidas e un investimento de 1.885 millóns de euros para a mellora da calidade das augas.

 

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, xunto co xerente da entidade, Gonzalo Mosqueira, participou hoxe en Madrid na reunión deste órgano adscrito ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no que se informou favorablemente da folla de ruta deseñada pola entidade hidráulica da Xunta na conca de competencia autonómica para os vindeiros 6 anos.

 

Galicia foi pioneira en aprobar o seu plan de conca con avaliación ambiental estratéxica, tras a súa aprobación inicial o día 19 de maio deste ano polo Consello da Xunta.

 

Agora, co informe preceptivo do Consello Nacional da Auga, este novo Plan hidrográfico de Galicia-Costa, xunto co da demarcación das Illas Baleares, que rematou recentemente a súa tramitación ambiental, convértense nos dous primeiros plan hidrolóxicos de España en seren aprobados.

 

Culminado este último trámite, a aprobación do novo Plan Hidrográfico de Galicia Costa 2021-2027 deberá agora ser ratificado polo Consello de Ministros, mediante real decreto.

 

O novo Plan Hidrolóxico marca a folla de ruta para os vindeiros 6 anos da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, que comprende as bacías de todos os ríos que nacen e morren en Galicia e as augas de transición e costeiras asociadas.

 

O ámbito territorial do Plan abrangue unha superficie total de 16.294 km2, 12.991 kmcontinentais, que supoñen o 44% do territorio galego e concentra máis de 2 millóns de habitantes, o que supón o 75,4% da poboación da comunidade.

O novo Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrolóxica Galicia-Costa recolle un total de 212 medidas e un investimento global de 1.885 millóns de euros que deben desenvolver as distintas administracións, tendo en conta os máis de 900 millóns de euros necesarios para garantir o funcionamento das infraestruturas hidráulicas.

 

O documento aprobado hoxe polo Consello Nacional da Auga confórmase a través dunha batería de medidas destinadas a afondar na mellora da calidade das augas da demarcación hidrográfica, nun contexto marcado polo cambio climático.

 

A evolución do estado das masas de auga no ciclo 2021-2027 é positiva con respecto ao 2015, tanto en relación co estado das rías e dos ríos como no nivel de implicación das administracións e de concienciación social. Deste xeito, o novo Plan determina que practicamente o 80% das masas de auga da bacía se atopan en bo estado, mellorando a situación de partida, e fíxase como meta deste novo ciclo hidrolóxico lograr que o 100% das masas de auga de Galicia-Costa acaden o bo estado.

 

Para acadar ese obxectivo, o maior peso do investimento do novo Plan Hidrolóxico destinarase ao saneamento e á depuración, pola súa incidencia determinante na calidade das augas, que absorberá 973 M€. Igualmente moi relevante será o esforzo investidor dirixido ao abastecemento, con máis de 560 M€.

 

No impulso asociado á batería de medidas recollidas no novo Plan destaca a participación maioritaria da Xunta, onde 110 das 212 actuacións previstas disporán con financiamento autonómico, cun investimento de 605 M€, é dicir, máis do 63% do total recollido.

 

Plan de xestión do risco de inundación Galicia-Costa

Na mesma reunión, o Consello Nacional da Auga deulle tamén hoxe o seu visto e prace ao Plan de xestión do risco de Inundación de Galicia-Costa para os vindeiros 6 anos, sendo o primeiro que se aproba no conxunto das demarcacións de España. Tamén neste caso, tras a súa aprobación, o novo Plan será ratificado polo Consello de Ministros, mediante real decreto.

 

O Plan de xestión do risco de inundación da demarcación hidrográfica, que foi previamente aprobado polo Consello da Xunta o 25 de maio deste ano, está dotado dun orzamento de case 110 millóns de euros e recolle 74 actuacións concretas ata 2027 para reducir o risco de asolagamentos.

 

Esta ferramenta de xestión ten como finalidade minimizar a posibilidade de inundación na demarcación hidrográfica Galicia-Costa, así como reducir os seus posibles efectos, con

especial atención ás 170 áreas de risco potencial significativo de inundación de orixe fluvial definidas.

 

De forma paralela a este novo plan, o Goberno galego vén traballando no impulso de plans específicos en 9 zonas fluviais con maior risco por inundación. Trátase das áreas do río Anllóns, en Carballo; do Umia, en Caldas de Reis e Portas; do Ulla-Sar, en Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Catoira, Pontecesures e Valga; do Campeda, en Vimianzo; dos Fontecova e Trasposta, en Viveiro; Baíña e Groba, en Baiona; e do Lagares, en Vigo.

 

O novo plan hoxe aprobado hoxe polo Consello nacional da Auga incorpora tamén como novidade diferentes análises do efecto do cambio climático no ámbito fluvial e mariño. Así, tendo en conta a afección deste contexto á compoñente meteorolóxica e aos usos do solo, ratifícase que as zonas que presentan un incremento significativo de influencia do cambio climático son as subbacías dos ríos Ulla, Tambre, Mandeo, Eume, Lérez, Verdugo, Anllóns e a ría de Arousa.

 

Para minorar os riscos de inundacións, o plan inclúe un programa de medidas que supoñen

un investimento de case 110 M€, dos cales a Xunta, a través de Augas de Galicia, achegará

máis de 56 M€.
 

O investimento no futuro programa refórzase de xeito notable, tendo en conta que o plan

correspondente ao anterior ciclo dispoñía dun orzamento de 67,86 M€.
 

O investimento previsto abarca 52 medidas que inclúen 74 actuacións específicas para desenvolver na demarcación Galicia-Costa no período comprendido entre os anos 2022 e 2027. Estas actuacións específicas, de diversa tipoloxía, deberán ser postas en marcha polas distintas administracións con competencia en materia hidráulica, tanto municipais, como autonómica ou estatal.

Imaxes relacionadas