A Xunta autoriza ao Concello de Vigo á musealización para a posta en valor da Fortaleza do Castro

A Dirección Xeral de Patrimonio comunica o seu informe favorable con varias condicionantes sobre o último documento municipal presentado
 

O proxecto deberá suprimir as varandas nos accesos ás galerías, manter a cuberta inclinada da polvoreira e minimizar as bandeirolas
 

Tamén deberá realizarse un control arqueolóxico dos movementos de terra e presentar o proxecto museolóxico e museográfico definitivo
 

Vigo, 10 de outubro de 2022

  A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acaba de informar favorablemente ao Concello de Vigo sobre a musealización para a posta en valor da Fortaleza do Castro. A autorización dos técnicos está suxeita a varias condicións que teñen que ser incorporadas ao proxecto municipal.

Así, o departamento autonómico responde ao documento achegado pola Administración local no que se remite o novo proxecto agora denominado “Musealización das galerías e posta en valor da Fortaleza do Castro de Vigo”, datado no mes de xuño de 2022, no que expón ter modificados aspectos sinalados na autorización previa de data do 24 de marzo pasado.
 
Atendendo as novas modificacións xa incorporadas, Patrimonio Cultural autoriza o novo proxecto con condicionantes. Desta forma, deberanse suprimir as varandas previstas sobre os accesos ás galerías, xa que os técnicos “non atopan xustificación nin pola súa necesidade ni pola súa función”. Igualmente, tamén se debe manter a cuberta inclinada da polvoreira, xa que o edificio “ten que ser recoñecido como independente e singularizado”, sen que existan datos históricos que leven a pensar que a cuberta era en orixe plana.
 
Ademais, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural considera necesario minimizar o “impacto que os elementos tipo bandeirola e o rótulo identificador xeran sobre o patio de armas”.     
 
Por último, a autorización solicita un control arqueolóxico dos movementos de terra vinculados as obras e pide ao Concello que presente un proxecto arqueolóxico. Da mesma maneira, o departamento autonómico lembra que deberá achegar tamén o proxecto museolóxico e museográfico definitivo adaptado á actual versión final.

Imaxes relacionadas